Noticias

A Deputación de Pontevedra dá o primeiro paso para a posta en marcha das 24 cooperativas dos 17 centros participantes dunha nova edición de "DepoEmprende"

Máis de 500 mozas e mozos de primaria, educación especial e secundaria da provincia asistirán a vindeira semana na Deputación ao acto de entrega dos NIF ás cooperativas


15 novembro 2019
Depoemprende

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acaba de anunciar que a vindeira semana terá lugar a entrega dos NIF as 24 cooperativas dos 17 centros de educación primaria, educación especial e educación secundaria, que resultaron seleccionados para participar na nova edición do programa "DepoEmprende". Silva salientou que con este proxecto "queremos que a cultura emprendedora chegue aos centros educativos" e fixo un chamamento "a tomar iniciativas como xa se fai en Austria, onde esta cultura forma parte do currículo".

Tal e como indicou a presidenta, o acto consistirá na realización dunha presentación de cada cooperativa por parte do alumnado participante, "facendo fincapé na súa organización, as empresas coas que van colaborar para a adquisición de produtos, e as estratexias de vendas que teñen ideadas". E, a continuación, será a entrega de NIF por parte da institución provincial a cada unha delas. En concreto, o martes asistirán ao redor de 150 persoas de 8 centros de "DepoEmprende na ESO"; e o mércores será a quenda de "DepoEmprende na Escola", na que participarán ao redor de 370 persoas dos 9 centros participantes.

Carmela Silva explicou que a entrega dos NIF "é o primeiro paso para a posta en marcha das cooperativas". Posteriormente, procederase ao desenvolvemento da mesma nos centros educativos e, para rematar, será o mercado final no que se porán á venda os produtos que elaboraron as diferentes cooperativas. Neste eido, a presidenta enxalzou que "nunca deixo de sorprenderme de canto aportan as mozas e mozos. É un proxecto marabilloso".

Máis polo miúdo, no que respecta aos centros participantes en "DepoEmprende na ESO"; o IES Illa de Ons de Bueu presentará a cooperativa "Segredos de Ons"; o IES a Paralaia de Moaña presenta "Mercalaia"; o IES de Rodeira de Cangas conta con dúas cooperativas, "Costamar" e "Chocoletes"; o IES Luis Seoane de Pontevedra presenta tamén dúas cooperativas, "Galiae" e "Pontecop"; o IES Illa de San Simón de Redondela presenta a cooperativa "Choquilla"; o IES Indalecio Pérez Tizón de Tui creará "Pontesur"; o Instituto Manuel García Ramos da Estrada levará a cabo a cooperativa "ECOAE"; e, por último, o IES Plurilingüe Terra de Turonio de Gondomar presenta "Futuronio". O proceso para o desenvolvemento das cooperativas comeza coa constitución da cooperativa e continúa coa imaxe corporativa e logotipo, o estudo de mercado, a procura de provedores, a busca de financiación, o deseño de catálogo e produtos, a determinación dos prezos, as canles de distribución, a publicidade, a preparación da venda, a mercadotecnia, o mercado final da Deputación e, por último, a análise dos resultados.

Pola súa banda, os participantes en "DepoEmprende na Escola" levarán a cabo as seguintes cooperativas; o CEE Pontevedra presenta a cooperativa "3E"; o CEE Vilagarcía de Arousa levará a cabo "Specialmans", o CEIP Plurilingüe Enrique Barreiro Piñeiro de Cambados presentará "Vilariño's Company"; o CEIP A Xunqueira I de Pontevedra conta con catro cooperativas, "Multishop", "Ecoxunqueira", "Lado Bio" e "Xunqueir@s"; o CEIP Número 1 de Tui levará a cabo a cooperativa "MC'Pache"; o CEIP Antonio Palacios do Porriño presentará "Naturoides"; O CEIP Santo André de Xeve de Pontevedra conta con tres cooperativas, "Redex", "Xeveshop" e "Cooperativa Escolar Xeve" (C.E.X); o colexio público Cova Terreña de Baiona presentará "Aloumiños de Papel"; e, por último, o colexio público Serra Vincios de Gondomar leva a cabo a cooperativa "Coopevincios". Neste caso o proceso de desenvolvemento das cooperativas tamén comeza coa constitución da mesma, e continua coa a imaxe corporativa e logotipo, estudo de mercado, prototipo de produto, recollida dos NIF, procura de financiación, produción e fabricación do produto, prezo e etiquetado, preparación da venda para o mercado final da Deputación e, por último, o balance dos resultados.

Desde que se puxo en marcha "DepoEmprende", no 2016, máis de 2.200 alumnas e alumnos de 41 centros educativos de 21 concellos da provincia participaron nas tres modalidades do programa. Neste eido, esta iniciativa está dividida en "DepoEmprende na Escola", proxecto dirixido ao alumnado de educación primaria (5.º e 6.º curso) e de educación especial,"DepoEmprende na ESO" para mozas e mozos de 4.º da ESO, e "DepoEmprende na FP" dirixido a centros que imparten Formación Profesional de Grado Medio ou Superior.

O obxectivo principal destes tres proxectos é fomentar o emprendemento como un dos factores clave nunha economía do coñecemento eliminando as barreiras que dificultan a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, promover a cultura emprendedora no marco do sistema educativo e impulsar que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo desde a práctica. Ao mesmo tempo, "DepoEmprende" tamén favorece o desenvolvemento de competencias asociadas á comunicación, á análise do entorno físico, á creación, á convivencia, ás expresións culturais, ás matemáticas e ciencias e á alfabetización dixital.

Audios

  • Audio