Noticias

A Deputación de Pontevedra da o pistoletazo de saída aos cursos gratuítos de español destinados a persoas inmigrantes

Ao redor de 60 alumnas e alumnos participarán nas dúas primeiras edicións destes cursos que se celebrarán nas cidades de Vigo e Pontevedra


19 maio 2019
cursos gratuítos de español destinados a persoas inmigrantes

Ao redor de 60 alumnas e alumnos comezan este luns os Cursos de Español para a preparación do DELE A2 2019 dirixidos a persoas inmigrantes promovidos pola Deputación de Pontevedra. Este proxecto, que xa se levou a cabo en anos anteriores, está formado por un total de tres cursos gratuítos que se impartirán no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e na sede de Vigo entre maio e novembro deste ano.

Ao redor de 30 alumnos e alumnas comezan dende o luns a primeira edición no Edificio Administrativo en horario de 09:30 a 12:30 horas, ata o 4 de xuño, e as datas de repaso serán de 09:30 a 11:30 horas, os días 10 e 11 de setembro. Na sede de Vigo, tamén son ao redor de 30 alumnas e alumnos que inician o luns a segunda edición dos cursos en horario de 16:00 a 19:00 horas, ata o 4 de xuño; e os días 9 e 10 de setembro, de 16:00 a 18:00 horas, terá lugar o repaso.

Por outra banda, a terceira e última edición, que tamén terá lugar na sede de Vigo, celebrarase entre os días 11 e 26 de setembro, en horario de 09:30 a 12:30 horas; e as datas de repaso serán os días 18 e 19 de novembro, de 09:30 a 11:30 horas.

Estes cursos están orientados á obtención do nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes, requisito necesario para a adquisición da nacionalidade española. Para obtelo é necesario superar unha proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social. Os cursos que promove a Deputación pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE. Así, esta iniciativa está dirixida a persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen preparar o exame para a obtención da nacionalidade española.

Os cursos, que son integramente subvencionados pola Deputación incluíndo o custe de matrícula do DELE, serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrante para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral. Unha vez finalizadas estas edicións, o alumnado dos cursos presentarase ao exame do DELE que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, o 13 de setembro para as persoas candidatas da primeira e segunda edición, e o 23 de novembro para as da terceira edición.