Noticias

A Deputación de Pontevedra convoca a primeira edición do programa de dinamización xuvenil Depo RúARTE

A través desta actuación, destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes, a institución provincial inviste 100.000 € para a dinamización da mocidade


04 abr 2016

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, ten por obxectivo mellorar a calidade de vida da mocidade da provincia de Pontevedra a través da participación activa das mozas e os mozos no desenvolvemento sostible, económico e social desta. Por iso, a institución provincial acaba de aprobar as bases reguladoras da primeira edición do programa Depo RúARTE, que destina 100.000 € para ofrecerlle á mocidade de entre 14 e 30 anos dos concellos de menos de 50.000 habitantes actividades innovadoras e modernas, dinamizadoras, educativas e de lecer, así como un espazo de encontro e intercambio de experiencias que potencie movementos de participación e cooperación social.

En total, a institución provincial oferta actividades agrupadas en cinco áreas: MúsicARTE (Break dance, Rap, Funky, Hip-hop e O teu corpo: un instrumento), RúARTE (Slackline, Monopatín e Sobre rodas), UrbanARTE (Graffiti, Xogos malabares e Monólogos na rúa), CreARTE (Crea a túa historieta, Crea o teu fanzine e Curtametraxes co móbil) e CociñARTE (A cociña da avoa, Cociña en verde, O mundo no prato, Endúlzate, e Coctelería e batidos sen alcohol). Estas actividades, de 25 horas de duración e un mínimo de 10 participantes, terán lugar desde o remate do curso escolar, a finais de xuño, ata principios de setembro.

Para poder ofertar o programa cada concello deberá adherirse a través dun modelo de acordo de adhesión que se atopa en www.depo.es e que terá que entregar, nos rexistros da Deputación de Pontevedra, en 15 días naturais, contados a partir da publicación das bases no BOPPO. Pola súa banda, as mozas e os mozos interesados deberán cubrir o formulario de solicitude que poderán obter nos seus concellos e presentalo nos prazos indicados. Cando rematen a súa actividade recibirán unha acreditación da súa participación.

O programa clausurarase co I Certame Xuvenil Depo RúARTE, que mostrará o aprendido nas actividades realizadas, co fin de promover, xerar e articular espazos públicos integrais de xuventude. Neste certame participará un representante de cada concello, que competirá co resto de actuacións ou traballos presentados dentro de cada unha das categorías de Depo RúARTE (MúsicARTE, RúARTE, UrbanARTE, CreARTE e CociñARTE). Haberá un finalista por cada unha das categorías e un único gañador do I Certame Xuvenil Depo RúARTE.