Noticias

A Deputación de Pontevedra contempla que o Fondo Local garanta un mínimo de transferencias aos concellos máis pequenos da provincia

A presidenta, Carmela Silva, non descarta que os concellos que recorran á Caixa de Anticipos poidan dedicar ese diñeiro a facer fronte ás débedas


14 out 2015

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, anunciou, na súa primeira visita institucional ao Concello de Catoira, que o novo Goberno provincial estuda que o Fondo Local polo cal desde agora se rexerán as axudas económicas aos concellos garanta un mínimo de transferencias aos municipios máis pequenos, á marxe dos criterios obxectivos de equidade, poboación, extensión ou dispersión que fixarán finalmente a repartición. "A demanda destes concellos coma Catoira é totalmente xusta, dixo a presidenta, porque precisamente son os que teñen menos recursos e maiores dificultades para poder prestar servizos básicos á poboación. Outras deputacións xa o teñen e temos a intención de que Pontevedra tamén o contemple".

Tras a súa reunión co alcalde, Alberto García, Silva confirmou que o Goberno provincial tamén estuda que os concellos que recorran á Caixa de Anticipos da Deputación poidan destinar eses fondos a cubrir as súas débedas con provedores de gasto corrente e eliminar, ademais, o interese do 2 % que se esixía ata agora. "Estamos a ver se xuridicamente é posible, subliñou a presidenta, e se é así non haberá inconveniente en facelo para que moitos municipios poidan poñerse a cero".

O alcalde de Catoira agradeceulle a Carmela Silva a súa visita ao Concello, a primeira que fixo un presidente da Deputación en 36 anos, "algo incomprensible, dixo Silva, porque vir aquí non é ningún xesto, é unha obrigación e supón cumprir co deber dunha Deputación, que é estar ao servizo dos municipios da provincia. E non unha vez, engadiu Silva, haberá que vir as veces que faga falta".

A presidenta tamén lle pediu desculpas públicas ao alcalde de Catoira, en nome da institución provincial, polo prexuízo causado polo anterior Goberno, que incumpriu o convenio para o financiamento das obras do Club de Piragüismo, todo un referente na localidade, o que supuxo que o municipio perdese 150.000 euros de fondos europeos que finalmente tivo que achegar o Concello con recursos propios. "Somos moi conscientes do dano que se fixo desde o anterior Goberno e como institución teremos que estudar como podemos dar unha satisfacción ás veciñas e veciños de Catoira", apuntou Carmela Silva.

A presidenta tamén se comprometeu co alcalde para mediar ante Núñez Feijóo para que a Xunta asuma a transferencia do viaduto Catoira-Rianxo e confirmou, por outra banda, que o próximo orzamento da Deputación contemplará a creación do servizo de asistencia xurídico-técnica aos concellos que Catoira xa solicitou.