Noticias

A Deputación de Pontevedra comproba in situ que non existen alteracións nin danos patrimoniais no castro de Toiriz

Patrimonio da Xunta de Galicia confirma que na actuación de Fomento non hai afectacións ao xacemento e que a metodoloxía é a adecuada


17 novembro 2020
Soportes publicitarios quitados

Persoal técnico de Patrimonio da Xunta de Galicia adiantou hoxe á Deputación de Pontevedra e ao Concello de Silleda que na actuación que o Ministerio de Fomento está a executar para a posta en valor do castro de Toiriz non existe dano patrimonial, que as actuacións de musealización están a seguir o contemplado no proxecto autorizado, que a metodoloxía é a adecuada e que enviarán informe preceptivo ao organismo promotor que é o Ministerio.

Persoal da Deputación de Pontevedra deuse cita esta mañá no Castro para coñecer in situ a execución do proxecto e interesarse por posibles afectacións no conxunto patrimonial, comprobando que non existen alteracións nin danos no xacemento. Ata o momento instaláronse estruturas prefabricadas reversibles que seguen o control dun arqueólogo da empresa que está a executar as tarefas seguindo os criterios acordados con Patrimonio da Xunta. Máis polo miúdo, as estruturas prefabricadas reversibles que se están a colocar en Toiriz van servir para soportar paneis e bancos e non están a producir alteracións sobre o elemento patrimonial, nin afeccións, nin danos sobre o conxunto do castro, amosando un rexistro arqueolóxico que así o demostra.

Na visita, o persoal técnico da Deputación tamén puido coñecer, pola contra, a sinaléctica e as estruturas anteriores que existían ata agora no castro e que xa foron retiradas. Fronte a declaracións feitas este días, e como se pode comprobar nas fotografías, tratábase de paneis que estaban cimentados e fixados con soportes de formigón, non reversibles, e moito máis invasivos coa contorna do xacemento.

O traballo que se acometeu e se está a realizar no castro de Toiriz sempre se fixo e se está a facer da man de persoal da arqueoloxía da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Fomento, altamente considerado no ámbito profesional e científico, co obxectivo de poñer en valor o castro e convertelo nun espazo divulgativo e de lecer para que a cidadanía se familiarice coa arqueoloxía. Esta actuación forma parte do proxecto de posta e valor de 17 xacementos galaico romanos da provincia de Pontevedra que contempla a musealización destes espazos e a creación dunha ruta cultural e turística que permita coñecer as peculiaridade de cada un.