Noticias

A Deputación de Pontevedra comeza no Concello da Cañiza as obras de acondicionamento da rúa Silleda

A actuación, que consiste no acondicionamento da beirarrúa e a renovación de diferentes servizos, foi adxudicada por 136.080,87 euros


27 agosto 2019
Obras Cañiza

Este martes 27 de agosto comezaron na Cañiza as obras de acondicionamento da rúa Silleda, adxudicadas por 136.080,87 euros. A través desta actuación, que está previsto que estea rematada nun prazo de tres meses, a Deputación de Pontevedra acondicionará a beirarrúa da estrada e renovará diferentes servizos.

Máis polo miúdo, a actuación consiste no acondicionamento da beirarrúa dereita desde o comezo da estrada ata o cruzamento previo ao parque existente nesa mesma marxe e da beirarrúa esquerda desde o comezo da estrada ata o PQ 0+210, con pavimento e bordo de granito. O ancho de beirarrúa será de 2,5 metros.

Ademais tamén levarase a cabo a renovación de servizos como o abastecemento, electricidade, luz, telefonía, saneamento ou pluviais. Tamén reporase a capa de rodaxe no treito entre o PQ 0+000 e 0+210.