Noticias

A Deputación de Pontevedra comeza os traballos de emerxencia na parroquia de Santo Estevo de Negros

Carmela Silva asegura que sempre colaborarán con aqueles concellos que o soliciten para obras urxentes


19 feb 2016
traballos de emerxencia
traballos de emerxencia

A Deputación de Pontevedra comezou hoxe os traballos de retirada do entullo acumulado nas inmediacións da estrada N-555, que impedía o acceso a varias casas da parroquia de Santo Estevo de Negros, en Redondela.

Unha retroescavadora, un camión e unha brigada con cinco operarios empezaron hoxe os labores de desentullo unha vez que o Concello de Redondela acadou a totalidade das autorizacións para o corte da estrada nacional, competencia do Ministerio de Fomento, e un lugar para a vertedura do entullo. De feito, a deputada provincial redondelá, Digna Rivas, interesouse polo comezo destes traballos presentándose na zona esta mesma mañá.

O Concello solicitou o pasado martes a maquinaria da Deputación para levar a cabo estes traballos, pero non puideron traballar a pesar de presentarse na zona pola ausencia das autorizacións correspondentes.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou hoxe en rolda de prensa, tras a Xunta de Goberno, que a institución provincial sempre vai atender aquelas peticións de axudas dos concellos en casos urxentes coma o acontecido en Redondela. De feito, Silva destacou que a Deputación contestou dun xeito moi rápido a petición de Redondela: "é unha emerxencia e nós solidarizámonos cos veciños e veciñas de San Esteban que sufriron os efectos dos temporais da fin de semana pasada, e alí está a traballar a maquinaria da Deputación".

Non obstante, lamentouse da actuación política que está a desenvolver o Partido Popular na provincia promovendo mocións nos concellos para pedir que a maquinaria da Deputación traballe neles. "Os equipos da Deputación traballan cando así o piden os concellos e nos casos de urxencia e emerxencia como é o caso de Redondela e, sobre todo, cando é pedido polos concellos".

"Ningún concello -continuou Silva- pediu as máquinas da Deputación. Só o fixo un. E é Redondela. Alí están as máquinas da Deputación traballando a pesar de que non son as nosas competencias porque se trata dunha estrada nacional que lle corresponde ao Ministerio de Fomento".

A presidenta concluíu dicindo que resulta "ridículo" que o PP estea a pedir con mocións nos concellos da provincia que a maquinaria da Deputación traballe neles cando os propios concellos non o pediron.