Noticias

A Deputación de Pontevedra colaborará co xacemento de Castrolandín, en Cuntis

A presidenta, Carmela Silva, coincide co alcalde Manuel Campos en poñer en valor o termalismo como un recurso turístico da localidade


10 nov 2015
Carmela Silva mantivo un encontro de traballo co alcalde de Cuntis, Manuel Campos
Carmela Silva mantivo un encontro de traballo co alcalde de Cuntis, Manuel Campos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrou hoxe o seu apoio ao traballo que desenvolve a Fundación Terra-Termarium Castrolandín de Cuntis e subliñou a necesidade de traballar de xeito unido para potenciar este xacemento e o seu centro de interpretación coa súa inclusión no convenio co Ministerio de Fomento sobre os castros da provincia.

Carmela Silva mantivo hoxe un encontro de traballo co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e visitou, entre outras instalacións da localidade, o centro de interpretación da cultura castrexa de Castrolandín. "Esta fundación leva dez anos traballando grazas aos seus profesionais e, de cara ao futuro, temos que contar con eles", sinalou Silva, quen tamén indicou que "melloraremos o próximo convenio co Ministerio de Fomento para recuperar castros, entre os que estaría o de Castrolandín".

A presidenta afirmou que a Deputación colaborará co Concello de Cuntis para poñer en valor o xacemento de Castrolandín e situalo como un polo turístico da vila, "ademais de garantir que todos poidamos coñecer a nosa cultura".

Igualmente Silva destacou a proposta do Concello de Cuntis, xunto a outros na comarca, sobre o termalismo como un exemplo a seguir de colaboración municipal e coa Deputación para potenciar os recursos naturais da provincia.

Pola súa parte, Manuel Campos informou a presidenta da institución provincial da demanda de creación dun polígono industrial, ao que Silva demandou atención á Xunta, a través da Xestur, e ao SEPES, como administracións competentes na materia. "Sempre poderán contar coa Deputación para colaborar se toman en serio a demanda do Concello de Cuntis".

Ao respecto das obras que se realizan no campo de Canteiras, Manuel Campos mostrouse agradecido á Deputación, xa que a axuda está a servir para arranxar as pistas de atletismo de cara ao Campionato de España de Marcha que se desenvolverá o 6 de decembro en Cuntis.

Por último, o alcalde informou a presidenta das deficiencias que presenta o campo de fútbol da Ran, feitas polo anterior goberno da Deputación. Carmela Silva comprometeuse a enviar os técnicos da institución para comprobar a situación do campo e, se procede, demandarlle á empresa construtora a súa reparación.