Noticias

A Deputación de Pontevedra clausura o obradoiro de emprego "Coidando os nosos maiores"

Destinado a desempregados menores de 30 anos, certifica profesionalmente o alumnado en atención sociosanitaria a persoas dependentes


31 mar 2016
Clausurado o obradoiro de emprego

As deputadas delegadas de Emprego e Cohesión Social e Xuventude, Montse Magallanes e Digna Rivas, clausuraron hoxe o obradoiro de emprego "Coidando os nosos maiores", que tivo lugar entre o 30 de setembro de 2015 e o 29 de marzo de 2016, coa entrega de diplomas ás mozas e aos mozos desempregados menores de 30 anos que participaron na formación.

A través deste obradoiro, organizado e impulsado pola Deputación de Pontevedra, dotouse o alumnado da formación para a obtención do certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

A deputada de Emprego, Montse Magallanes, destacou que o obxectivo de "Coidando os nosos maiores" foi "impulsar iniciativas para mellorar a formación e empregabilidade, potenciando que o alumnado, mozas e mozos desempregados menores de 30 anos, se achegue á realidade laboral e teña unha experiencia enriquecedora". Magallanes agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia neste proxecto, así como o enorme interese e esforzo do alumnado e profesorado, "grazas ao que estou segura de que acadaremos os obxectivos que nos plantexamos con este obradoiro".