Noticias

A Deputación de Pontevedra leva a cabo o seu primeiro Pleno telemático, que lles deu luz verde ás novas medidas para paliar a crise da COVID-19

A corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da pandemia e a presidenta fíxolles un recoñecemento expreso ao persoal sanitario "e a todas as persoas que desde os seus traballos nos están a coidar nesta crise"


24 abril 2020
Pleno telemático

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, comunicoulle hoxe á corporación provincial, no primeiro pleno telemático da súa historia, que convocará as alcaldesas e alcaldes da provincia a fin de "avaliar cos concellos a situación que están a vivir e as consecuencias da crise sanitaria xerada pola COVID-19". Silva confirmou que o vindeiro mércores, 29 de abril, manterá unha primeira reunión coas alcaldesas e alcaldes dos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes e que convocará un segundo encontro nos próximos días co resto dos municipios.

A sesión plenaria comezou cun minuto de silencio en homenaxe ás vítimas do coronavirus despois da intervención da presidenta provincial, que mostrou o pesar da corporación polas persoas falecidas e trasladoulles a súa "enerxía e o desexo de mellora" ás que están enfermas. Así mesmo, Carmela Silva fíxolles un recoñecemento a todas as persoas, coma o persoal sanitario, que desde os seus traballos "nos están a coidar a todas e a todos". Igualmente tivo palabras de agradecemento para os concellos, "que están a traballar en primeira liña coa cidadanía", para as funcionarias e funcionarios da Deputación "polo seu compromiso público e inxente traballo" e para toda a corporación provincial, cunha mención especial ao grupo popular. "Non coincidiremos en todo, pero quero agradecer e destacar a súa altura de miras, que me emociona". A presidenta tamén anunciou que lles remitirá hoxe a todas as deputadas e deputados o documento de traballo que recolle as máis de 180 medidas adoptadas pola institución nestes 40 días e destinadas aos concellos, ás empresas, á cidadanía e aos sectores produtivos, sociais, culturais e deportivos da provincia.

Pola súa banda, o vicepresidente, César Mosquera, compartiu na súa intervención plenaria o seu recoñecemento ao bo comportamento que está a ter a sociedade e tamén ás administracións e ás súas traballadoras e traballadores no que cualificou como "unha catástrofe sanitaria, social e económica". Destacou que é fundamental seguir o principio de solidariedade e recalcou que, ante a ausencia de material, é preciso repartir os medios dos que se dispón segundo as prioridades, ademais de non crear expectativas de que os órganos que non teñen competencias vaian resolver ningunha situación, xa que iso, segundo as súas palabras, pode levar ao "caos". A presidenta remarcou que as autoridades do Estado responsables "deben actuar con clareza, determinación e prudencia; e a sociedade e os sectores económicos deben ter moita paciencia".

En canto á Deputación, Mosquera agradeceu a actuación do grupo do PP por "arrimar o ombro" nas iniciativas do Goberno provincial e transmitiu a súa confianza de que non se rompa a unidade de acción. Destacou que o traballo e a toma de decisións da institución provincial dependerán da evolución da crise sanitaria, xa que, a día de hoxe, aínda se descoñece se a Deputación vai ter máis ou menos fondos para este exercicio: "Non sabemos se nos van restar fondos dos anticipos do Estado ou se haberá fondos extraordinarios", recalcou, para engadir que haberá que ser prudentes nas decisión para non ter "resultados contraditorios" e non "comprometer a capacidade da Deputación".

Finalmente, o voceiro do grupo provincial do Partido Popular, Jorge Cubela, sumouse aos principios e as conviccións da presidenta relativos á crise. Ao respecto indicou que "non imos engadir nada máis, porque nos sumamos a todas as palabras da presidenta, que hoxe é a nosa presidenta". Ademais, brindou "unidade e respecto", destacando a importancia da unidade institucional e da cidadanía para conter a pandemia do coronavirus, e apostou por "exercer un principio de confianza" na Deputación.

Respecto ao Pleno, a corporación aprobou todos os puntos da orde do día por unanimidade. Entre eles está a nova medida que a Deputación destina a familias e a empresas: o pagamento fraccionado dos tributos "case á carta", un novo servizo a través do ORAL para facilitar o fraccionamento personalizado, sen xuros, do pagamento das cotas do IBI, o IAE e o IVTM unha vez se domicilien os abonos. A medida beneficiará as veciñas, veciños e empresas daqueles concellos que teñan delegadas na Deputación as competencias do pagamento e a recadación tributaria. Ademais, a institución tamén lles prestará o seu asesoramento aos concellos na tramitación dos expedientes necesarios para modificar as súas ordenanzas fiscais en relación coas medidas que decidan adoptar. Esta actuación de flexibilización sen xuros do pagamento enmárcase na batería de medidas postas en marcha pola Deputación ante a crise sanitaria, coma os anticipos aos concellos do fondo extraordinario de liquidez, dotado con 21 millóns de euros. Cara á veciñanza reforzáronse os servizos de atención telefónica e telemática a través da oficina virtual; prorrogáronse o calendario fiscal e o período de pagamento voluntario; ampliáronse os prazos para pagamentos, notificacións, requirimentos, audiencias e recursos, e estableceuse un sistema de identificación para a realización de trámites urxentes e inaprazables, a través da Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.depo.gal).

O pleno tamén aprobou a modificación das bases do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) pola que se prorroga o prazo para o remate das 31 obras previstas nos concellos, cun importe que ascende a 11 millóns de euros e que supón un dos maiores impulsos á obra pública na provincia. O acordo, que lles proporciona un respiro importante aos concellos, consiste nunha prórroga de 11 meses, polo que se amplía ata o 31 de maio de 2021. Ao mesmo tempo, o prazo de xustificación administrativa continuará a ser de catro meses desde o remate da obra, polo que pasará ao 30 de setembro de 2021. Deste xeito, a Deputación aposta polo máximo legal permitido en materia de subvencións co obxecto de despexarlles incógnitas aos 31 concellos beneficiarios destas obras, con proxectos na súa maioría de mellora da seguridade viaria e de humanización dos espazos públicos.

Na sesión plenaria tomou posesión como nova deputada provincial Ana María Mejías, que substitúe na corporación a Isaura Abelairas.