Noticias

A Deputación de Pontevedra asina un convenio co Concello de Cambados para construír a nova cuberta da piscina

Este novo convenio, dotado con 900.000 €, 200.000 € máis que o anterior, permitirá corrixir as deficiencias e irregularidades existentes no proxecto de obra aprobado polo antigo Goberno provincial e municipal


09 marzo 2017
Piscina Olimpica

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, asinou esta mañá xunto á alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, o convenio para poñer en marcha a nova cuberta da piscina do concello. Este convenio corrixe as deficiencias e irregularidades existentes no proxecto de obra inicial aprobado polos antigos gobernos provincial e municipal para a piscina da vila, que incumpría a lexislación relativa á climatización e humidade, e a cuberta asentábase nunha zona sen cimentación.

Carmela Silva manifestou a súa satisfacción por resolver a situación na que se atopaba a infraestrutura da piscina de Cambados, "outra das terribles herdanzas ás que tivemos que facer fronte do antigo Goberno da Deputación, que facía todo mal, tanto en Cambados coma noutros concellos da provincia". Ao respecto, Silva informou que un mes antes das eleccións municipais os anteriores gobernos provincial e municipal aprobaron un convenio, "con clara vista electoralista, cun proxecto irrealizable, que incumpría a lexislación vixente relativa á climatización e asentaba a cuberta nunha zona sen cimentar". Máis polo miúdo, a presidenta provincial engadiu que "cando chegamos á Deputación tanto o persoal técnico provincial coma o municipal asinaron informes que determinaban que a nova cuberta da piscina era irrealizable, o que supuxo poñer en marcha outro convenio cun proxecto real".

O novo convenio para a piscina de Cambados ten unha dotación orzamentaria de 900.000 €, 200.000 € máis que o anterior, dos cales a Deputación de Pontevedra achega 851.000 € e o importe restante, o Concello. A través deste convenio establécese un novo proxecto que cumpre a normativa e a lexislación, e permitirá que a piscina poida estar a disposición das veciñas e veciños de Cambados con todas as garantías.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal, amosou a súa satisfacción pola sinatura do convenio que "por fin vai permitir materializar e facer efectiva a cuberta envolvente da piscina xa que, ata o de agora, era unha cortina de fume, un mero parche". Abal quixo agradecerlle "á Deputación a aposta polo Concello de Cambados, xa que sen a súa axuda non poderíamos levar a cabo este proxecto de nova cuberta da piscina, da que dependen moitas usuarias e usuarios".

A presidenta da Deputación aproveitou a ocasión para anunciar que "hoxe remataron as obras no pavillón de Cabanillas, outra herdanza chapuceira, polo que a partir de agora este espazo está xa a disposición do concello e das súas veciñas e veciños".