Noticias

A Deputación asina o convenio co concello de Bueu para integralo na rede de oficinas de turismo "Rías Baixas"

Esta actuación forma parte do Plan Estratéxico de Turismo 2020, que ten por obxectivo converter á provincia nun motor de desenvolvemento social, económico e cultural


05 agosto 2018
Concello de Bueu

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu acaban de firmar un convenio para integrar o punto de información turística da vila do Morrazo na rede de oficinas de turismo "Rías Baixas", que depende da institución provincial. Esta nova adhesión ten por obxectivo promocionar e reforzar a marca "Rías Baixas" como un destino turístico global e de calidade.

Esta actuación encádrase no marco do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2020. Nun dos puntos deste proxecto, que busca converter á provincia de Pontevedra nun referente turístico, contémplase tecer toda unha rede de oficinas de turismo que sexan consideradas o "alicerce básico para reforzar a prestación dun servizo de calidade e homoxéneo do destino". Así mesmo, desde a Deputación considérase que esta rede é clave para afianzar visitantes, posto que a valoración que o consumidor final fai de cada un dos destinos depende, en boa medida, da información que tivera de antes.

O Plan Estratéxico de Turismo conta con 40 accións diferenciadas que teñen como obxectivo converter o turismo en motor do desenvolvemento social, económico e cultural da provincia. Centrado en cinco eixos de actuación (gobernanza, estruturación da oferta, excelencia no destino, promoción efectiva e comercialización), a estratexia de Turismo Rías Baixas quedou definida para os próximos tres anos. Desta maneira, preténdense converter os recursos, produtos e talento da provincia nos tres piares sobre os que actuar e construír un modelo de turismo sostible e innovador.