Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba novos investimentos para seis concellos da provincia por case 850.000 euros

As achegas irán destinadas á contratación de persoal, rehabilitación de edificios, reforma de instalacións deportivas e mellora de camiños e servizos básicos prestados polos concellos


18 maio 2020
Plan Concellos 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou a concesión de novas achegas por valor de 843.000 euros ao abeiro do Plan Concellos que beneficiarán, neste caso, a seis municipios da provincia: Nigrán, Portas, Vilaboa, Baiona, Poio e Redondela. Con estas axudas a entidade provincial leva xa concedidos 14,2 millóns de euros entre as tres liñas do Plan Concellos.

No caso da Liña 1 de Investimentos aprobáronse catro novas achegas por valor de 532.397,87 euros. Máis polo miúdo, para o concello de Nigrán aprobouse unha subvención por un importe total de 130.976,27 euros coa que se financiará o proxecto de rehabilitación da antiga Casa do Mestre e do conxunto das aulas para o seu uso como local de reunión. O concello de Portas recibirá unha achega de 170.146,82 euros coa que acometerá a reforma do seu campo de fútbol. En Vilaboa pavimentarase o camiño de Santa Marta, na parroquia de Santa Comba de Bértola, grazas a unha axuda de 98.083,41 euros. Pola súa banda, o concello de Baiona recibirá 133.191,37 euros cos que mellorará a pavimentación e a seguridade viaria do Camiño Serralleira, en Sabarís.

Para o concello de Poio aprobouse a concesión dunha subvención por reinvestimento de baixas por un importe de 61.194,39 euros. A vila empregará este financiamento para mellorar os servizos e o firme na rúa Costa de Abaixo, en Combarro.

Por outra parte, o Goberno aprobou a modificación dunha achega concedida a Redondela no marco da Liña 3 de Emprego. O concello solicitou esta modificación para reaxustar as categorías, a duración e o orzamento das contratacións debido á situación derivada da crise sanitaria producida pola COVID-19.

Audios

  • Audio