Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba en Xunta de Goberno 80.000 euros en axudas para 17 escolas de música da provincia

A institución provincial concede, por réxime de concorrencia competitiva, estas achegas co obxectivo de subvencionar os gastos correntes e de persoal das agrupacións


10 decembro 2019
Axudas escolas de música

A Deputación de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno a concesión de axudas a escolas de músicas dependentes de asociacións sen ánimo de lucro, unhas subvencións que, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva en rolda de prensa, teñen un orzamento de 80.000 euros.

A presidenta detallou que "son 17 as escolas de música de 11 concellos as que se beneficiarán destas axudas" e que "a concesión levouse a cabo en réxime de concorrencia competitiva". Silva tamén aproveitou a súa intervención para destacar o feito de que "desde a Deputación apostamos pola cultura para que chegue ao maior número de persoas posibles". Tamén resaltou que "apoiamos as escolas de música da nosa provincia sabendo que é unha obriga para a nosa cultura e tendo en conta que estamos a falar de escolas potentísimas que temos que valorar na súa xusta medida".

En concreto, benefícianse destas axudas da Deputación de Pontevedra as seguintes escolas musicais: a Agrupación Musical de Vincios, de Gondomar; a Banda de Música de Lalín; a Nova Banda de Música de Vilatuxe, de Lalín; a Asociación do Centro Recreativo e Cultural de Torroso, de Mos; a Banda de Música de Rubios, das Neves; a Asociación Banda Xuvenil de Xinzo, de Ponteareas; a Asociación Cultural Banda de Música Unión de Guláns, tamén de Ponteareas; a Asociación Músico-Cultural San Martiño de Salcedo, de Pontevedra; a Agrupación Musical do Rosal; a Asociación Amigos da Música, de Salceda de Caselas; a Asociación Banda de Escola de Música de Beade, de Vigo; a Sociedade Cultural e Deportiva Atlántida de Matamá, de Vigo; a Unión Musical de Coruxo, de Vigo; a Unión Musical de Valladares, de Vigo; a Asociación Cultural e Musical Escola de Música de Vilaboa; e a Asociación Pro-Escola de Música do Concello de Vilanova de Arousa.