Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba destinar cento cincuenta mil euros a 16 cooperativas agrogandeiras da provincia

Carmela Silva sinalou que, xunto cos convenios asinados con anterioridade, a institución provincial leva investido este ano 250.000 euros a esta área, cumprindo co compromiso adquirido pola Deputación cos sectores produtivos da provincia


17 xuño 2017
Vacas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación de axudas por valor de 150.000 euros a 16 cooperativas agrogandeiras da provincia, entre as que como novidade, este ano, atópanse por primeira vez tres pequenas cooperativas de produción ecolóxica: Ullama, da Estrada; A Meixoeira, de Moaña, e Nutre en Bio, de Salvaterra do Miño, segundo explicou a presidenta. Ademais, Carmela Silva lembrou que o Goberno provincial leva asinado este ano outros tres convenios de apoio a organizacións de produtores cun investimento de mais de 100.000 euros e que, polo tanto, "estamos falando de 250.00 euros para o sector agrogandeiro, cumprindo así co noso compromiso cos sectores produtivos da provincia".

Segundo explicou Carmela Silva, grazas a esta liña de investimentos, as 16 cooperativas agrogandeiras poderán investir en obras, maquinaria agrícola, comercialización valorización, adquisición de fincas, enerxías renovables, uso de novas tecnoloxías ou equipamentos para as cooperativas.

As axudas, que oscilan entre os 600 e os 35.000 euros, están destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrícolas e gandeiros promovendo así a comercialización e valorización dos produtos, a formación técnica para o desenvolvemento das súas actividades, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e aforro enerxético e os investimentos para mellorar os seus servizos.

En concreto, a Cooperativa Ganadera De Dozón recibirá 3.008 euros, a Cooperativa Agrícola De Forcarei 16.197 euros, Horsal de Cambados 16.197 euros, Campodeza de Lalín 14.345 euros, Cobideza de Lalín 13.883 euros, a Cooperativa Gandeira De Botos de Lalín 8.561 euros Cooperativa Gandeiros Do Deza de Lalín 10.412 euros, Valle Del Deza de Lalín 6.247 euros, Xuncoga de Lalín 12.726 euros, Sat N 4035 de Ribadumia 2.313 euros, a Cooperativa del Campo O Rodo de Rodeiro 15.040 euros e Porta Rio Miño do Rosal 10.412 euros. A comarca do Deza é a máis beneficiada cun total de 84.222 euros de axudas.

Por outra banda, as tres pequenas cooperativas ecolóxicas adxudicatarias nesta liña de axudas recibirán un total de 14.868,91 euros, que se repartirán deste xeito: Ullama, da Estrada, recibirá 986,91 euros; Nutre En Bio, de Salvaterra, 4.627 euros, e A Meixoeira, de Moaña, 9.255,00 euros.

A Deputación de Pontevedra ten asinado este ano outros tres convenios de apoio a organizacións de produtores cun investimento de mais de 100.000 euros. As adxudicatarias destas axudas son Unión Leiteira Galega, cunha subvención de 36.000 euros para a formación para a produción de leite ecolóxica; ADF Maceiras de Tabeirós, con 31.500 para produción mazá ecolóxica, e ADF Amigos do Salnés, con 30,350 euros para a dinamización do sector hortícola. Polo tanto, estamos a falar de máis de 250.000 euros de investimentos no sector agrogandeiro da provincia.