Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba as bases para as actividades deportivas deste ano na provincia

As axudas están dirixidas a entidades e clubs deportivos sen fins de lucro para a realización de actividades deportivas durante este ano e teñen un orzamento de medio millón de euros


06 abril 2019
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases das subvencións dirixidas a entidades e clubs deportivos sen fins de lucro para a realización de actividades deportivas durante o ano 2019. O orzamento destas subvencións é de 500.000 euros e poderán solicitalas as asociacións e clubs deportivos sen fins de lucro que teñan o seu domicilio social na provincia de Pontevedra e estean inscritos no Rexistro de asociacións deportivas da Secretaría Xeral para o Deporte. A cantidade solicitada non poderá exceder o 80 % do orzamento total da actividade e ten que ser unha actividade concreta que non se realice durante todo o ano. 

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través dun formulario da páxina web e o prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria das bases e do extracto no BOPPO. As entidades solicitantes deberán presentar unha memoria explicativa da actividade e o orzamento de ingresos e gastos detallado e totalizado.

Para a concesión das subvencións teranse en conta os seguintes criterios: número de deportistas ou equipos participantes, ámbito territorial, número de xornadas, antigüidade e consolidación do evento, orzamento de gastos e ingresos do evento, achega económica da propia entidade ao financiamento do evento, interese turístico da actividade e promoción do deporte base, feminino e de persoas con diversidade funcional.