Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba as bases de subvencións para destinar 130.000 € a actuacións e actividades de carácter turístico durante o 2018

As axudas poderán ser solicitadas por aquelas entidades cuxo obxectivo sexa colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector na provincia


24 xuño 2018
Axudas turismo

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, para destinar un total de 130.000 euros a actuacións e actividades de carácter turístico durante o ano 2018 na provincia de Pontevedra.

Esta liña de axudas, concedidas pola institución provincial durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2018, van poder ser solicitadas por aquelas entidades que teñan como obxectivo colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector na provincia.

Neste senso, a presidenta da institución provincial Carmela Silva destacou que "para nós é primordial acadar e manter un sector turístico competitivo, de calidade e accesible; e tamén implantar medidas de promoción e fomento mediante a posta en valor dos recursos singulares de Galicia como medio para desestacionalizar a demanda".

Máis polo miúdo, serán obxecto destas subvencións as actividades que teñan como fin a promoción e estímulo dun sector turístico competitivo, de calidade, accesible e sustentable; e as que promovan os principais recursos turísticos da provincia como son a natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares; o patrimonio cultural e lingüístico; a gastronomía e a enogastronomía; a saúde, o benestar e o termalismo.

As solicitudes poderán realizarse a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra e o prazo das presentacións será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).