Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba as bases de "Depotermal" 2020

O programa de termalismo social da institución provincial contará o próximo ano con preto de 4.500 prazas para as dúas modalidades, con pernoita e sen pernoita


22 setembro 2019
Depotermal

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa de termalismo social "Depotermal" 2020, ao que se destinarán 128.667,84 euros, o que supón un incremento de máis de 26.000 euros con respecto a este ano 2019.

Esta cuarta edición do programa ofertará dúas modalidades cun total de 4.434 prazas. A modalidade de asistencia diaria a balnearios durante 5 días consecutivos contará con 1.248 prazas, das cales 248 estarán reservadas para persoas en situación ou en risco de exclusión social e serán financiadas pola Deputación. No caso do programa con pernoita e réxime de pensión completa de domingo a venres, ofertaranse 3.186 prazas, das cales 186 estarán subvencionadas pola institución provincial e se reservarán tamén para persoas en situación ou en risco de exclusión social.

Tal e como sinalou a presidenta, "Depotermal" facilita o acceso ao turismo de saúde ao tempo que serve como plan dinamizador da economía da provincia, "impulsando a creación e o mantemento dos postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade". Ademais, o programa de termalismo busca fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida, animar a que se establezan novas relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o estado estado anímico das persoas que accedan ao programa. Deste xeito, impúlsanse os movementos de participación e cooperación social que promoven espazos de encontro e intercambio de experiencias co fin de evitar o illamento e as situacións de soidade que levan á vulnerabilidade.

"Depotermal" 2020 está dirixido a persoas empadroadas na provincia nadas antes do 1 de xaneiro de 1970 ou aquelas que, aínda que naceron con posterioridade, son pensionistas, teñen un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 % ou precisan dun respiro familiar. Todos os concellos interesados en sumarse deberán presentar a súa solicitude a través da sede electrónica da Deputación nun prazo de 15 días hábiles desde a publicación destas bases no BOPPO.