Noticias

A Deputación de Pontevedra aproba as bases da quinta edición de "Conectadas" para afondar na igualdade e no apoderamento das mulleres da provincia

O Goberno de Carmela Silva destinará este ano 324.000 euros ao impulso de accións formativas baseadas nos principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar


11 xaneiro 2020
Conectadas 2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases reguladoras do programa "Conectadas" 2020, que este ano chega a súa quinta edición cun orzamento de 324.000 euros. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo en valor esta iniciativa que impulsando accións formativas "busca potenciar a participación e promoción das mulleres, así como favorecer as relacións interpersoais en igualdade incorporando de maneira transversal os principios de corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar".

"Conectadas" ten por obxectivo mellorar a formación básica das mulleres da provincia para favorecer as relacións e o intercambio de experiencias, mellorar a súa empregabilidade e mantemento no mercado de traballo, e reducir a brecha dixital mediante a utilización da información e as novas tecnoloxías. Ao igual que en edicións anteriores, poderán participar en "Conectadas" 2020 asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñen por obxectivo a promoción das mulleres, o apoio ao seu desenvolvemento e apoderamento, así como ao seu tecido asociativo e cuxo obxectivo final sexa a consecución da igualdade entre mulleres e homes. O prazo de presentación das solicitudes será de 30 días naturais e comezará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOPPO.

Tal e como explicou a presidenta, cada entidade dispón dun total de 33 accións formativas distintas ás que optar, agrupadas en oito bloques temáticos: Muller Emprende: Iniciativas Sostibles para o Emprego, Muller e Cultura: Artes Visuais, Actualízate, Coas túas Mans, Porque ti o fas, Súmate ao Cambio, Ponte en Forma, e Coidados Persoais. As accións terán unha duración de 35 horas e poderán participar entre 20 e 25 persoas, establecéndose un mínimo de 15. Pola súa banda, Carmela Silva salientou o éxito de "Conectadas" 2019, que remata en febreiro, e na que participaron máis de 5.000 mulleres da provincia.