Noticias

A Deputación de Pontevedra aposta pola cultura nesta derradeira semana de xullo con accións en oito concellos

Actuacións de grupos como De Vacas ou Amantes da Terra, obradoiros infantís e tres exposicións son parte da oferta cultural do entre provincial para esta semana


28 xullo 2020

A Deputación de Pontevedra espallará a súa programación cultural esta derradeira semana de xullo por toda a provincia, realizando un total de 12 accións nos concellos de Silleda, Rodeiro, Lalín, Moaña, Soutomaior, Bueu, Vigo e Mondariz. A maioría das actividades levadas a cabo nestas oito vilas enmarcaranse dentro das programacións de "Musigal", "Música no ar" e "Re-Acción nos castelos!".

Máis polo miúdo, as actuacións comezarán esta mesma noite co concerto inaugural de "Música no ar" a cargo da sección de corda da Orquestra Clásica de Vigo. A actuación terá lugar, ás 19:30 horas, no castelo de Soutomaior. Unha hora máis tarde, ás 20:30, Garufa Blue Devils Big Band interpretará o seu repertorio no mosteiro de Caboeiro, en Silleda, dentro da programación de "Musigal".

Para o xoves 30 de xullo o estaleiro de Bueu encherase de "Música no ar" co concerto do grupo Son Trío, que comezará ás 21:00 horas. O mesmo día, coa "Re-Acción nos castelos!", a Deputación de Pontevedra levará ao castelo de Soutomaior dúas actividades. A primeira delas será un obradoiro titulado Creando no Xardín e dirixido ás e aos pequenos da casa, comezará ás 17:00 horas. Xa ás 19:30 horas dará comezo un concerto titulado A banda das apertas, dirixido tamén ao público infantil.

A fin de semana chega cargada de actividades. O venres 31 "Musigal" levará a De Vacas á praza da Igrexa de Lalín, a cita será ás 21:00 horas. Un pouco máis tarde, ás 23:00 horas, dará comezo o concerto de Amantes da Terra na avenida Gumersindo Areán de Rodeiro. O mesmo día levarase a cabo de novo un obradoiro infantil no castelo de Sobroso baixo o título de Creando no Xardín, esta actividade enmárcase na programación de "Re-Acción nos castelos!". De cara ao sábado 1 de agosto "Musigal" achegará a Sés ao palco da música de Moaña ás 22:30 horas.

A Deputación de Pontevedra tamén ten programadas varias exposicións que poden visitarse estes días. "Tecendo a natureza" é unha mostra que pon en valor a tradición da cestería a través das obras do último mestre cesteiro galego nesa modalidade, Enrique Táboas. A exposición pode visitarse ata o 30 de agosto na praza de abastos de Mondariz. Pola súa banda, a sede de Vigo da Deputación acolle a exhibición "8M. A palabra empoderada das mulleres", unha obra colectiva de reivindicación feminista que poderá visitarse ata o 1 de setembro. Ademais, no concello de Lalín o ente provincial expón ata o 6 de setembro a mostra "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza", que busca dar a coñecer o rico patrimonio arqueolóxico da provincia. A exposición poderá visitarse no pazo de Liñares ata o 6 de setembro.