Noticias

A Deputación de Pontevedra apoia o Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial

A presidenta provincial, Carmela Silva, subliña a situación de racismo e xenofobia que viven os migrantes e os refuxiados e anima a poboación a loitar polos dereitos humanos "co fin de ser unha sociedade decente"


20 marzo 2017
Unidos contra o racismo

A Deputación de Pontevedra únese ao Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial, que este ano dedica Nacións Unidas sobre todo aos migrantes e refuxiados, que son os principais obxectivos dos delitos de odio no ámbito internacional.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que estamos a ver día a día, a través dos medios de comunicación, como a discriminación e os delitos de odio están dirixidos contra os migrantes e refuxiados, "a parte da  poboación cunha maior desprotección".

Silva indicou que coa conmemoración dun día internacional contra a discriminación racial a ONU non só pretende concienciar da secuela que supón o racismo senón, e moi especialmente, animar as persoas para apoiar accións na súa vida cotiá que sirvan para defender os dereitos humanos dos demais; porque o racismo nos afecta a todos como sociedade e non só ás persoas que sofren a discriminación, porque unha sociedade tolerante co racismo é unha sociedade enferma, que crea segregación racial e con iso focos de pobreza e desigualdade social.

O 21 de marzo celébrase o Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial. Proclamado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1966, nesta data conmemórase o aniversario da matanza de 1960 en Sharpeville, Sudáfrica, na que 69 persoas desarmadas foron masacradas pola policía mentres realizaban unha protesta pacífica contra as leis racistas e xenófobas do Apartheid.

Segundo afirmou a presidenta, no noso país, os últimos datos publicados polo Ministerio do Interior sobre os Delitos de Odio en España, baseados nas denuncias presentadas no ano 2015, sinalan que durante ese ano se cometeron case catro delitos de odio ao día en España e que as forzas de seguridade detectaron 1.324 casos, o que supón un aumento do 13 % respecto ao ano anterior. O racismo é o principal motivo de delito de odio; representa o 38,2 % (506 casos) do total de casos denunciados, que adoitan representar ao redor dun 10-15 % dos casos que se producen, como sinala a Axencia Europea de Dereitos Fundamentais.

Por iso Carmela Silva considera necesario promover unha educación inclusiva e respectuosa coa diversidade étnica e racial, para o que se fai imprescindible recuperar a materia de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, porque, como dixo Mandela, "ningunha persoa nace odiando a outra pola cor da súa pel, pola súa orixe ou pola súa relixión. Para odiar, as persoas necesitan aprender, e se poden aprender a odiar, poden ser ensinadas a amar".