Noticias

A Deputación de Pontevedra adxudica o contrato para pavimentar e dotar de servizos a contorna da Pousada de Ribadumia

A empresa "Excavaciones y construcciones Pérez Portela S.L." levará a cabo a actuación nas rúas 1 e 4 na urbanización Santa Eulalia


02 xuño 2019
Xunta de Goberno 31/05/2019

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de adxudicar o contrato, a través dun procedemento aberto, para a execución da obra de pavimentación e dotación de servizos nas rúas 1 e 4 e na urbanización de Santa Eulalia, na contorna da Pousada de Ribadumia. Así, o contrato foi adxudicado a "Excavaciones y construcciones Pérez Portela S.L." por valor de 211.161,95 euros.

Máis polo miúdo trátase da construción tanto das áreas rodadas como peonís dos viarios, así como a resolución dos correspondentes servizos urbanísticos ata o seu enlace cos existentes. Neste eido, as obras inclúen a urbanización da rúa 1, completando as redes de abastecemento, de saneamento (fecais e pluviais), de electricidade, alumeado público e telefonía, así como a execución de beirarrúas e a reposición de firmes. No caso da rúa 4 trátase da urbanización e acondicionamento completo dunha rúa de nova apertura. O prazo de execución do contrato é de seis meses a contar dende a comprobación do replanteo.