Noticias

A Deputación de Pontevedra acolle a presentación da primeira Festa da Arribada de interese turístico internacional

Carmela Silva manifestou o seu orgullo porque Baiona escollese a Deputación, casa de todos os concellos da provincia, como escenario de presentación da primeira Festa da Arribada de interese turístico internacional


19 feb 2016
Arribada

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, presentaron este venres a XXI edición da Festa da Arribada de Baiona, recentemente declarada de interese turístico internacional, que se celebrará entre o 4 e 6 de marzo de 2016.

Carmela Silva manifestou sentirse moi orgullosa de que, "neste ano tan especial, por ser o primeiro no que a Festa da Arribada se celebra tras a súa declaración como festa de interese turístico internacional, Baiona escollese a Deputación de Pontevedra, casa de todos os concellos da provincia, como o escenario para a presentación da súa festa máis emblemática, como noutras edicións fixera noutras cidades de Galicia, de Portugal ou Castela e León".

A presidenta subliñou que "o ano pasado máis de 200.000 persoas acudiron ata Baiona para gozar desta festividade que transforma a vila de Baiona nun burgo medieval, converténdoa nun importante reclamo turístico e revulsivo económico para a vila".

Pola súa banda, o alcalde de Baiona destacou que este ano, como novidade, a Festa da Arribada de Baiona se desenvolverá durante tres días: 4, 5 e 6 de marzo. Ademais, Ángel Rodal deu a coñecer a historia da Arribada da carabela Pinta a Baiona, que converteu a vila na primeira localidade do vello continente en recibir as novas do descubrimento de América.

O acto de presentación, no que se puido ver en primicia o vídeo de presentación do Real Mercado Medieval da Arribada deste ano, finalizou cunha pequena representación escénica da man de Bruxo Queiman e Andrea Pousa na entrada do Pazo provincial e coa degustación de doces típicos da Arribada, entre os que se atopaban ñoclos de Pinzón, rosquillas ou tortas de Sarmiento.

Vídeos

Audios

  • Audio
    Presentación da festa da Arribada