Noticias

A Deputación de Pontevedra achega máis de 50.000 euros a Fornelos de Montes para realizar investimentos a través do Plan Concellos 2017

Cunha achega superior aos 340.000 €, a institución provincial xa leva entregado preto do 91 % do importe total que recibe Fornelos de Montes dentro do Plan Concellos


17 maio 2017
Plan Concellos 2017

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, tres novas achegas ao Concello de Fornelos de Montes ao abeiro da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos 2017, que ascenden a un importe total de 52.488,64 euros. En concreto, trátase dunha achega de 20.000,01 euros destinada á mellora do pavimento e drenaxe no camiño do alto de Cima de Vila, doutra, por un importe de 20.807,59 €, que o concello empregará para o financiamento da mellora da rede de abastecemento, dos drenaxes e da pavimentación do camiño Joliao en Ventín e, por último, outros 11.681,04 € que teñen por obxecto o subministro de material para o Concello.

Ademais, anteriormente a institución provincial xa destinara ao Concello de Fornelos de Montes outros 162.094,76 € en liña 1 para a reforma das iluminarias e o bombeo de augas residuais e tamén para a creación dunha plataforma para cafetería, todo isto na praia fluvial de Portovilán; para a mellora dos drenaxes e da pavimentación nun camiño de Fondo da Vila e para a adquisición dunha carrozaría de camión, un suplemento de cesta para persoa operaria e a adecuación dunha grúa cos seus correspondentes certificados. A maiores, en liña 2, outros 51.500,03 euros destinados ao II Festival de Presenza e Son, a Festa da Espuma, a Escola de Música e diversos gastos correntes e, na liña 3 de Emprego, 77.250,03 € para a creación de 15 postos de emprego nos diversos servizos municipais do concello.

Coa suma desta nova achega, a porcentaxe de adxudicación do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra en Fornelos de Montes sitúase no 90,6 % do total do investimento. Isto supón que a localidade xa dispón de 343.333,46 € dun total de preto de 380.000 €.