Noticias

A Deputación de Pontevedra achega 35.000 euros para a ampliación da capacidade das instalacións de control de calidade no peirao do Xufre da Illa de Arousa

O Goberno de Carmela Silva asina un convenio de colaboración co Consello Regulador do Mexillón de Galicia para contribuír a garantir a excelencia e calidade deste produto marítimo


18 outubro 2018
Rueda de prensa de Carlos López Font

O deputado provincial Carlos López Font, anunciou hoxe en rolda de prensa a sinatura dun convenio de colaboración co Consello Regulador do Mexillón de Galicia para a ampliación da capacidade e renovación das instalacións de control de calidade no peirao do Xufre, na Illa de Arousa, por valor de 35.000 euros.

Máis polo miúdo, o deputado provincial informou que con este convenio "imos contribuír ao financiamento dunha caseta desmontable no peirao, así como á dotación de instrumental axeitado para as actividades de control". Deste xeito, a Deputación de Pontevedra apoia ao Consello Regulador do Mexillón para que "siga garantindo a excelencia e a calidade dun produto tan noso como é o mexillón", destacou Font.

Unha das prioridades do Goberno de Carmela Silva, tal e como recordou o deputado provincial, é apoiar aos sectores produtivos da provincia, como son o turismo, a industria, a gandería e o mar. Neste senso, Carlos Font destacou que o cultivo do mexillón é unha actividade económica medioambiental sostible que se asenta en numerosas empresas familiares e xera un importante número de postos de traballo na provincia.

Pola súa banda, o Consello Regulador do Mexillón de Galicia traballa para garantir a calidade dos lotes de mexillón que se descargan nos portos autorizados. De feito, nas unidades de control realízanse probas físicas de control de calidade e emítense os documentos de certificación da orixe e calidade do produto. Así, o deputado provincial informou que o Consello Regulador realizou o ano pasado 15.000 controis, "o que require dunha loxística adaptada para un desempeño eficaz".