Noticias

A Deputación de Pontevedra achega 120.000 € para o deporte olímpico da provincia

Nove deportistas olímpicos e seis paralímpicos que compiten en Río 2016 recibirán cadansúa contía de 8.000 € para apoiar o seu traballo


04 ago 2016
Rolda de prensa Xunta de Goberno

A Deputación de Pontevedra, segundo subliñou hoxe a súa Presidenta, Carmela Silva en rolda de prensa, vén de darlle o visto bo ás axudas económicas para os e as deportistas olímpicos e paralímpicos que compiten nos Xogos Olímpicos de Río 2016. Cada deportista percibirá unha contía de case 8.000 €, destinando así a Deputación a esta iniciativa un total de 120.000 €. 

Carmela Silva quixo tamén desexarlle todos os éxitos aos nosos representantes en Río e asegurou sentirse "moi orgullosa" da presenza de tantos deportistas de alto nivel na provincia de Pontevedra. "Seguro que todos e todas imos vibrar coas actuacións dos nosos deportistas en Río 2016", concluíu.

Dentro do deporte olímpico percibirán esta axuda Frank Casañas e Jean Marie Okutu, en atletismo; Óscar Carrera, Rodrigo Germade e Teresa Portela, en piragüismo; Fernando Alarza, en tríatlon; Fernando Echávarri e Tamara Echegoyen, en vela; e por último, María Bernabeu, en judo. Entre estes nove deportistas olímpicos xa figuran algúns medallistas, como Echávarri ou Echegoyen, e outras que teñen quedado ás portas das medallas, como Teresa Portela.

Nos Xogos Paralímpicos de Río, que terán lugar algo máis tarde, entre o 7 e o 18 de setembro, tamén haberá presenza de deportistas da provincia de Pontevedra, aos que a Deputación tamén apoia con cadansúa achega. Trátase de Gustavo Nieves, en atletismo; Agustín Alejos, en baloncesto; Chano Rodríguez, en natación; Martín de la Puente, en tenis en cadeiras de rodas; Juan Antonio Saavedra, en tiro olímpico; e Susana Rodríguez Gacio, en tríatlon.