Noticias

Abre o prazo para anotarse á andaina turística polo castelo de Sobroso

Carmela Silva asistirá xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e ao deputado provincial, Santos Héctor, á andaina que terá lugar o 7 de outubro ás 11 h


30 setembro 2017
Ruta Sobroso

O vindeiro sábado 7 de outubro celebrarase unha ruta turística organizada pola Deputación de Pontevedra no castelo de Sobroso. Esta andaina encádrase dentro do plan de posta en valor deste espazo fortificado de importante interese histórico e turístico. Este plan comprende as obras de mellora recollidas no convenio co Concello de Ponteareas, titular do castelo, a pasada primavera. Con el acordouse a creación dunha senda con paneis de información con códigos QR e audioguías que divulguen a riqueza botánica dos xardíns de Sobroso, e o recoñecemento e a dinamización turística do recinto.

Para a participación nesta andaina turística, que ten prazas limitadas, as persoas interesadas deben inscribirse antes do 5 de outubro no email info.riasbaixas@depo.es.

A ruta, que se realizará coa colaboración do concello de Ponteareas, comezará ás 11 h no acceso aos xardíns e está orientada ao público familiar co obxectivo de divulgar este espazo cultural e natural para que todas as persoas poidan coñecer e gozar da súa beleza. Por iso combinarase o percorrido guiado pola senda botánica (con variedade de especies autóctonas) con intervencións teatrais que dan conta da presenza de Dona Urraca no castelo de Sobroso, onde foi encerrada.

A senda botánica do castelo de Sobroso inclúe sete paneis tecnolóxicos con códigos QR e oferta contidos en inglés, castelán e galego que permiten facer o percorrido dunha forma máis amena e descubrir o valor natural e paisaxístico deste novo espazo. Máis polo miúdo, os sete paneis proporcionan información relativa ao mundo baixo os nosos pés, os liques, carballos, alcanfores, froiteiras, sobreiras e acivros son os protagonistas da ruta.

Ademais da posta en marcha desta nova senda botánica arredor do castelo, a Deputación de Pontevedra está a traballar na naturalización do entorno forestal dos xardíns do recinto. Para isto estanse a retirar especies invasoras como as acacias e, nuns meses, eucaliptos co obxectivo de acadar unha importante mellora ambiental e paisaxística e de deixar accesibles os restos históricos que se atopan nas inmediacións deste espazo.

Xunto ao exterior do castelo de Sobroso, a institución provincial tamén vai levar a cabo unha serie de obras para conservar e manter o recinto histórico. Estas obras son o paso previo ao plan de musealización que está previsto para o castelo e que impulsará o definitivo recoñecemento do recinto como espazo cultural e natural.

O obxectivo principal dos proxectos que se están a desenvolver en Sobroso é que no 2018, Ano Internacional do Patrimonio, tanto o recinto histórico coma o bosque atlántico sexan focos de atracción turística e que as persoas visitantes poidan gozar do alto valor histórico e natural do castelo.

Fotos