Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de presentación de solicitudes do programa "Depo en marcha" 2016

A través desta actuación, cuxo prazo de entrega de solicitudes estará aberto ata o 25 de abril, a institución provincial pretende favorecer o envellecemento activo


05 abr 2016

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo de presentación de solicitudes para o programa "Depo en marcha" 2016, cuxo principal obxectivo é favorecer o envellecemento activo dos maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra. As entidades interesadas en optar a un obradoiro do programa poderán entregar as súas solicitudes de inscrición ata o 25 de abril nos rexistros da institución provincial.

"Depo en marcha" 2016 está dirixido a asociacións, federacións e confederacións inscritas como entidades de iniciativa social dentro da área de maiores da provincia de Pontevedra, entidades clasificadas na categoría tipo "terceira idade-pensionistas-xubilados", asociacións de maiores ou entidades que xustifiquen o seu labor no eido das persoas maiores.

A Deputación de Pontevedra, a través deste programa, oferta obradoiros gratuítos, de 30 horas de duración, a través dos que se pretende favorecer o envellecemento activo, optimizando as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra. "Depo en marcha" pretende, ademais, establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que eleven o estado anímico das persoas maiores, potenciando movementos de participación e cooperación social, así como espazos de encontro e intercambio de experiencias para evitar o illamento e as situacións de soidade.

As entidades interesadas en "Depo en marcha" 2016 poderán escoller entre Traballando coas mans (arte con flores, cestería, pintando teas, traballos manuais variados, traballos manuais e reciclaxe), Entre fogóns (cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería, tapiñas e petiscos), Aprendendo da natureza (plantas medicinais, poda e tarefas do campo), Móvete (pilates, ioga, taichí, ximnasia de mantemento, zumba), Activando corpo e mente (conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia, control e manexo da ansiedade e do estrés), enredando (xogos tradicionais, teatro, fotografía), Dálle marcha (bailes de salón, pandeireta e canto popular) e En rede (a internet e o correo electrónico, iniciación á informática, informática avanzada).