Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para os cursos gratuítos de español dirixidos a persoas inmigrantes

Este martes, 2 de abril, poderán comezar a facerse as solicitudes a través da web www.depo.gal ou nas oficinas do Rexistro


31 marzo 2019
Cursos gratuítos de español dirixidos a persoas inmigrantes

A Deputación de Pontevedra publicará este luns no BOPPO as bases reguladoras e o extracto dos Cursos de Español para inmigrantes para a preparación do DELE A2 2019. Este proxecto, que xa se levou a cabo o ano pasado, está formado por un total de tres cursos gratuítos que se impartirán no Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra e na sede de Vigo entre maio e novembro deste ano.

Estes cursos están orientados á obtención do nivel A2 de español no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCER) expedido polo Instituto Cervantes, requisito necesario para a adquisición da nacionalidade española. Para obtelo é necesario superar unha proba que precisa dunha preparación previa, cun custo económico, que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación, impedíndolle o seu proceso de integración na provincia e favorecendo procesos de exclusión social.

Os cursos que promove a Deputación pretenden impedir esta situación e facilitar que todas as persoas inmigrantes teñan a posibilidade de acceder á preparación do DELE. Para acadalo, a institución provincial organiza tres cursos de español gratuítos, no Edificio Administrativo da Deputación e na sede de Vigo, dirixidos ata un máximo de 60 persoas inmigrantes en situación administrativa regular, maiores de 16 anos, que precisen preparar o exame do DELE para a obtención da nacionalidade española.

Os cursos, que serán integramente subvencionados pola Deputación incluíndo o custo de matrícula do DELE, serán impartidos por persoal docente do Centro de Linguas da Fundación Universidade de Vigo. En xeral, mediante esta formación prepararase ás persoas inmigrantes para poder realizar probas de compresión de lectura, de comprensión auditiva, de expresión e interacción escrita e oral.

A primeira edición terá lugar no Edificio Administrativo en horario de 09:30 a 12:30 horas, do 20 de maio ao 4 de xuño; e as datas de repaso serán de 09:30 a 11:30 horas, os días 9 e 10 de setembro. A segunda edición será na sede de Vigo tamén do 20 de maio ao 4 de xuño, en horario de 16:00 a 19:00 horas; e os días 9 e 10 de setembro, de 16:00 a 18:00 horas, terá lugar o repaso. A terceira e última edición, tamén na sede de Vigo, celebrarase entre os días 11 e 26 de setembro, en horario de 09:30 a 12:30 horas; e as datas de repaso serán os días 18 e 19 de novembro, de 09:30 a 11:30 horas.

Unha vez finalizadas estas edicións, o alumnado dos cursos presentarase ao exame do DELE que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, o 13 de setembro para as persoas candidatas da primeira e segunda edición, e o 23 de novembro para as da terceira edición. As persoas interesadas en acceder a esta preparación gratuíta terán que presentar o formulario de solicitude, á disposición na web www.depo.gal e nas oficinas do Rexistro da Deputación, nun prazo de 15 días hábiles desde o martes 2 de abril.