Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para os campamentos polideportivos do Príncipe Felipe

As nenas e nenos de toda a provincia contarán con 300 prazas para poder participar nas seis quendas que conforman esta actividade


25 febreiro 2020
Campamentos polideportivos Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra abriu hoxe, 25 de febreiro, o prazo de inscrición para que as nenas e nenos da provincia se poidan anotar nos campamentos polideportivos do Centro Príncipe Felipe, unha actividade que organiza a institución destinada a rapazas e rapaces nacidos entre os anos 2006 e 2013, ambos os dous incluídos.

Este programa, conformado por seis quendas, ofrece a posibilidade de que 300 nenas e nenos gocen do seu tempo libre no verán participando en actividades de carácter lúdico e deportivo que contribúan ao seu enriquecemento persoal. O campamento incorpora saídas ao medio natural, tiro con arco, actividades acuáticas e obradoiros.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición ata o 17 de marzo. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal).

O número de prazas ofertadas é de 50 por quenda e o seu prezo será de 125 euros por nena ou neno. A Deputación ofrece un desconto do 20 % para familias numerosas con tres fillas ou fillos e do 30 % para familias numerosas con máis de tres fillas ou fillos. As prazas adxudicaranse mediante un sorteo cuxa data e resultado publicaranse na páxina web da institución.

A primeira das quendas comezará o 6 de xullo e alongarase ata o 11 de xullo. A segunda arrancará o 13 e rematará o 18 de xullo; a terceira terá lugar do 20 ao 25 de xullo; a cuarta, do 3  ao 8 de agosto; a quinta, do 10 ao 15 de agosto; e a sexta, do 17 ao 22 de agosto.