Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para a última DepoRuta BTT do ano

A proba ciclista cun percorrido de 25 quilómetros, atravesará o domingo 21 de outubro os concellos de Caldas de Reis, Barro e Portas


10 outubro 2018
DepoRutas BTT 2018

Este mércores 10 de outubro a Deputación de Pontevedra abriu o prazo de inscrición para a proba que pechará as "DepoRutas BTT" 2018, o programa deportivo de éxito que anteriormente, durante este ano, xa pasou por Sabucedo e os Montes de Vigo. Deste xeito, as e os interesados en participar poderán anotarse na proba ciclista que percorrerá o próximo 21 de outubro os concellos de Caldas de Reis, Barro e Portas.

Esta nova DepoRuta BTT, cunha distancia de 25 quilómetros, iniciarase na céntrica Carballeira de Caldas de Reis para comezar a pedalear cara á fervenza de Segade. O percorrido diríxese ao sur, ao parque da natureza do río Barosa, en Barro. Desde alí regrésase ao punto de inicio pasando polo concello de Portas. Trátase dunha ruta accesible cun percorrido bastante plano.

Nesta proba organizada pola Deputación de Pontevedra, ao igual que nas anteriores, a institución provincial pon a disposición de todas as e os participantes a cobertura de seguro de responsabilidade civil e accidentes, servizo sanitario, servizo de asistencia durante o percorrido, dous avituallamentos, servizo de lavado de bicicletas e servizo de vestiarios.

O programa deportivo forma parte do Plan estratéxico do deporte da Deputación de Pontevedra, que aposta polo deporte activo de natureza co fin de aproveitar a riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable que ofrecen os montes da provincia.

A inscrición para a última DepoRuta BTT volve a ser totalmente gratuíta e pode realizarse a través da web da Deputación de Pontevedra ata esgotarse as 300 prazas ofertadas. O prazo estará aberto ata o 16 de outubro.