Noticias

A Deputación de Pontevedra abre a inscrición para a segunda das DepoRutas BTT que percorrerá o concello de Meis

A actividade, que seguirá en todo momento o protocolo de actuación para a prevención da COVID-19, terá lugar o 11 de outubro cun percorrido circular de 30 quilómetros


14 setembro 2020

Un día despois de ter lugar este pasado domingo a primeira das DepoRutas BTT do ano en Ponteareas, na que participaron máis dun cento de persoas, a Deputación de Pontevedra acaba de abrir este luns 14 de setembro o prazo de inscrición para a segunda destas probas, que percorrerá o concello de Meis o día 11 de outubro.

Esta DepoRuta BTT ofrece un total de 200 prazas e se enmarca na programación Vive Deporte, coa que a Deputación de Pontevedra invita á cidadanía a gozar este verán dunha ampla oferta de actividades deportivas sostibles. O obxectivo desta iniciativa é fomentar o deporte á vez que se pon en valor os montes da provincia, a súa riqueza natural, ecolóxica e patrimonial. Neste caso, a proba que se desenvolverá en Meis conta cun percorrido circular de 30 quilómetros, con saída e chegada desde a praza da Biblioteca de Mosteiro.

O itinerario iniciarase en dirección a Vilagarcía de Arousa, cara aos montes de Talide e o río Ulla. Parte desta ruta comparte percorrido co Camiño de Santiago e a senda da Pedra da Auga ata o mosteiro de Armenteira, e as persoas participantes regresarán logo pola ladeira do monte Castrove. As saídas realizaranse de xeito gradual, desde ás 9 ás 9:30 horas.

As DepoRutas BTT están dirixidas a todas aquelas persoas maiores de 16 anos (persoas, grupos ou familias) que gocen do deporte en contacto coa natureza e aposten por actividades sustentables. As e os interesados en participar nesta ruta en bicicleta poderán inscribirse a través da web www.depo.gal ata completar o límite de prazas ata o 5 de outubro, ás 12 horas. Unha vez cubertas as prazas, abrirase unha lista de agarda. Ás persoas participantes se lles confirmará a asistencia a través da web www.depo.gal coa publicación da lista definitiva, e vía SMS, co programa "Depo Informa".

As e os menores de idade deberán ir acompañados e, en caso de familias con varias crianzas, será suficiente cunha persoa representante ou titora por familia. A ruta –que inclúe os avituallamentos– estará sinalizada e as persoas participantes deberán seguir o itinerario e ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido.

A Deputación de Pontevedra ten deseñado un protocolo de actuación para a prevención da COVID-19 en relación con esta proba deportiva, que establece en primeiro lugar que as persoas que teñan algún síntoma compatible coa enfermidade como febre, tose ou dificultade respiratoria non deberán asistir á ruta. Recomenda que as e os deportistas realicen o desprazamento de maneira individual no seu propio vehículo e, no caso de que viaxe máis dunha persoa, se respecten estritamente as medidas establecidas polas autoridades, que inclúen a utilización de máscaras protectoras e o viaxe, se é posible, en filas de asentos distintas, mantendo a maior distancia posible entre as e os ocupantes. Xa no momento da chegada ao evento, as persoas asistentes deben utilizar a máscara durante o tempo de circulación entre espazos comúns, así como evitar saúdos ou choques de mans. Só se lle permitirá o acceso á zona de retirada de dorsais á ou ao deportista que vai participar; non se admitirá a entrada a ningunha outra persoa acompañante. Con carácter xeral, non se compartirá ningún material e, se isto non fose posible, garantirase a presenza de elementos de hixiene para o seu uso continuado.

A organización habilitará unha carpa exterior para a retirada de dorsais con zonas de entrada e saída diferentes onde as e os participantes deberán acudir 30 minutos antes da súa quenda de saída. Na entrada montarase o servizo de control de temperatura. A ou o deportista que supere os 37,5 º C non poderá tomar a saída.

As e os participantes colocaranse coa máscara na saída ata 10 segundos antes do comezo. Deberán gardar a máscara no maillot e volver poñela ao chegar o avituallamento. A entrada a esta zona realizarase de maneira individual e coa máscara posta. Non se entregará ningún produto na man, as e os participantes deberán recollelos da mesa. Haberá mesas suficientes para poder garantir a distancia mínima de seguridade. Finalmente, na chegada á meta, as e os deportistas deberán retirarse da zona nada máis chegar para evitar aglomeracións. Doutra banda, elimínanse as duchas e vestiarios.