Noticias

A Deputación dará bolsa a 18 mestres e mestras composteiros ante a incorporación de novos concellos ao Plan Compost

A presidenta salienta que o feito de que "as grandes cidades da provincia e a Universidade aposten polo proxecto é unha mostra da súa importancia e seriedade"


05 mai 2016
Diplomas Plan Compost
Diplomas Plan Compost

A Deputación de Pontevedra dará unha bolsa aos 18 mestres e mestras composteiros que aprobaron a formación na ‘Facultade da Compostaxe' ante a perspectiva de novas incorporacións de concellos ao Plan Compost Revitaliza. Así o indicou hoxe o vicepresidente, César Mosquera, no acto de entrega de diplomas á primeira promoción do curso organizado pola institución provincial.

A presidenta Carmela Silva destacou que o feito de que "as grandes cidades e a Universidade aposten por este proxecto é unha mostra da súa importancia e seriedade". "O noso discurso ambiental estase a converter en referente. Está a acontecer que noutros lugares de Galiza, do estado e da UE están mirando para aquí porque a luz que ilumina sitúase en Pontevedra e os concellos da provincia están cada vez máis interesados. Se non se suman á compostaxe os 62 da provincia, si o fará un número moi importante", sinalou, felicitando ao vicepresidente Mosquera pola determinación e o traballo feito ata o de agora. Destacou, así mesmo, que os mestres e mestras composteiros "son parte principal e activista do novo modelo de xestión do lixo que nos ilusiona", polo que lles deu a noraboa.

Pola súa banda, o vicepresidente Mosquera, instou a todos os concellos da provincia a afrontar o reto de aplicar a compostaxe como un sistema de tratamento de residuos "en toda regla". "Agora hai que traballar para pasar un punto estratéxico: que en lugar de un ou dous composteiros en cada concello, todos os municipios xestionen os orgánicos mediante centros comparcais ou composteiros individuais", subliñou, para engadir que ata o de agora xa se teñen superado moitos puntos críticos na aposta polo novo modelo de xestión de lixo.

"Hai nove meses botouse a andar un proxecto que iniciaba un camiño novo. Diante había moitos puntos críticos que xa pasamos. O primeiro foi elixir á persoa que encabezara tecnicamente a iniciativa e tivemos a sorte de contar con Carlos Pérez. O seguinte reto foi que o modelo non se convertese nunha batalla política e superámolo. O terceiro foi mover a administración provincial para botar a andar e topamos co entusiasmo dos funcionarios. Despois tivemos a proba da aceptación dos concellos e, a día de hoxe, hai 23 incorporados e moitos en expectativa. Outro punto crítico era facer de Príncipe Felipe unha illa de residuos na que poñer a proba o sistema… e pasámolo con nota. Despois chegou a hora de dispoñer de persoal cualificado e temos aos mestres e mestras composteiros cunha grande formación… O máis difícil xa o pasamos. Demostramos que cando se quere levar adiante unha cousa pódense superar os obstáculos", relatou Mosquera.

En relación aos mestres e mestras composteiros, o vicepresidente destacou que o vindeiro un de xuño incorporaranse os últimos bolseiros ao traballo nos concellos. Hai que lembrar que inicialmente estaba previsto outorgar só dez bolsas para os participantes no curso de formación. Posteriormente ampliouse a unha ducia e, agora, ante a previsión de novas incorporación de concellos ao Plan Compost, darase a bolsa ás 18 persoas que superaron con éxito os exames e probas realizadas. "Non queremos que vos vaiades fóra. É lóxico que rematedes a vosa formación na provincia porque ides ser necesarios. Noraboa aos 18 tanto polo título recibido como polas bolsas acadadas para todos", finalizou.

Futuro título propio da Universidade de Vigo

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, participou hoxe tamén no acto de entrega de diplomas aos mestres e mestras composteiros da Deputación. Destacou que a formación impartida nos últimos meses na ‘Facultade da compostaxe' pasará a ser un título propio da Universidade de Vigo na seguinte edición. "A calidade desta formación meréceo e para esta primeira promoción –en relación aos 18 bolseiros da Deputación- imos facer as equivalencias correspondentes para que estea igualmente recoñecida. Agora mesmo estamos a facer os trámites porque non houbo tempo de poñelo en marcha previamente", subliñou. "Sei do nivel que tedes e a vosa formación específica vai permitir que o modelo de tratamento de residuos que quere levar adiante a Deputación se desenvolva de xeito adecuado nos concellos. Noraboa", dixo.

Finalmente, Salustiano Mato quixo tamén recoñecer o labor da institución provincial, polo que deu unha "noraboa con letras maiúsculas" aos seus representantes por poñer a andar o Plan Compost Revitaliza. "A Universidade de Vigo ten liñas de investigación dende hai 30 anos nas que se apostaba por modelos de xestión do lixo urbano sustentables. Os nosos investigadores propagaron estudos por moitas latitudes: Cataluña, Navarra, País Vasco, Canarias… pero salvo contados intentos non viamos ningún resultado aquí. Grazas por apostar por isto e pola colaboración intensa que imos desenvolver", salientou.

Pola súa banda, a mestra composteira que acadou a maior cualificación no curso da ‘Facultade da Compostaxe' asegurou que "unha parte que identifica o serio que aposta a Deputación pola compostaxe é que non só non da unhas bolsas… Deunos moita, moita formación. O curso foi moi duro e intenso, unha experiencia inigualable moi enriquecedora que nos aportou unha visión multidisciplinar. Para nós atopar unha administración que se implicase de xeito tan fondo na xestión responsable do medio ambiente foi moi estimulante e agora queremos transmitir esa ilusión polo proxecto e a vocación que temos polo coidado do medio ambiente entre os veciños de Pontevedra".