Noticias

A Deputación dará axudas de entre 9.000 e 40.000 euros para redactar Plans de Mobilidade Sustentable

As bases das subvencións, aprobadas hoxe en Xunta de Goberno, establecen diferentes achegas segundo a poboación dos concellos


10 novembro 2017
Deputación

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Xunta de Goberno as bases reguladoras das subvencións para a redacción de Plans de Mobilidade Sustentable (PMS) nos concellos da provincia. A institución provincial, segundo indicou o deputado responsable da área de Mobilidade, Uxío Benítez, repartirá axudas de entre 9.000 e 40.000 euros en función da poboación dos municipios solicitantes. A partida inicial para esta iniciativa é de 300.000 euros, se ben, segundo comprometeu o nacionalista, ampliarase se é necesario ata cubrir a demanda.

O departamento de Mobilidade provincial, seguindo as liñas de actuación contidas na Estratexia de Mobilidade 3.0, quere impulsar a planificación estratéxica nos concellos fomentando unha mobilidade sustentable que facilite o acceso das persoas aos bens, servizos e equipamentos. Para iso propón a redacción de PMS como ferramenta fundamental para tomar decisións sobre a rede de estradas e espazos públicos, para optimizar recursos e actuacións propias, e para poder acceder aos fondos europeos de mobilidade sustentable.

O desenvolvemento dos Plans de Mobilidade pretende, segundo asegura Benítez, "modificar a mobilidade urbana nas vilas e concellos da provincia producindo importantes cambios no reparto modal, promovendo estratexias de baixa emisión de carbono e melloras da contorna urbana para conseguir espazos que melloren a calidade de vida da cidadanía".

Poderán presentar solicitudes ás subvencións provinciais para os PMS os concellos cun censo de poboación inferior aos 50.000 habitantes, individualmente ou en agrupacións que, en este último caso, poderán superar os 30.000 habitantes na súa totalidade. En concreto, as axudas para concellos ou agrupacións de concellos de menos de 6.000 habitantes serán de 9.000 euros, para concellos ou agrupacións de concellos de entre 6.000 e 12.000 habitantes serán de 15.000 euros, para concellos ou agrupacións de concellos de máis de 12.000 habitantes serán de 20.000 euros e, finalmente, para agrupacións de concellos de máis de 30.000 habitantes serán de 40.000 euros.

O importe total do financiamento por parte da institución provincial, segundo explicou o deputado, será de ata un máximo do 75 % do valor de redacción dos PMS. As axudas concederanse a todos aqueles concellos que presenten a solicitude cumprindo os requisitos das bases e segundo orde de entrada ata esgotar o crédito máximo dispoñible. No caso de haber unha alta demanda, ampliarase a partida existente, que ascende a 300.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles contados desde o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Formato

Os Plans de Mobilidade Sustentable que redacten os concellos coas subvencións provinciais deberán recoller de forma clara a prioridade de actuacións e a metodoloxía proposta para a implantación de actuacións de forma que facilite a xestión futura por parte dos responsables municipais.

O contido do PMS a presentar na Deputación para validar o abono da axuda económica deberá cinguirse como mínimo a un guión predeterminado que inclúa unha toma de datos e análise de normas e plans urbanísticos, física e territorial, socioeconómica e demográfica, de transporte e circulación, enerxética e ambiental, de seguranza viaria e de recompilación de participacións cidadás.

Por outra parte haberá unha identificación de problemas e retos, unha definición de liñas estratéxicas e unha delimitación de propostas e obxectivos específicos, entre os que se formulen medidas de fomento e mellora dos desprazamentos en modos non motorizados, medidas de reordenación e mellora do transporte público, de mellora e xestión de aparcamentos, de desconxestión viaria, de distribución e control de accesos, de futuro desenvolvemento do viario, ambientais e de protección e de fomento e regulación en centros atractivos de actividade. Finalmente, o PMS deberá concretar un plan de implementación cun cronograma orzamentado, un seguimento dos indicadores da mobilidade sustentable e un apartado específico de participación cidadá, entre outros documentos.