Noticias

A Deputación de Pontevedra dá vía libre aos novos convenios co concello de Vigo para continuar transformando a cidade

Case 4,5 millóns de euros para a humanización de Hispanidad, Serafín Avendaño e Taboada Leal, a mellora de beirarrúas en sete parroquias e o firme en 21 vías rurais


23 outubro 2020
Imaxe da rolda de prensa

A Deputación de Pontevedra continúa revalidando o seu compromiso con Vigo a través da aprobación de novos convenios co concello, neste caso por valor de 4.458.185,68 €, para continuar transformando a cidade. Deste xeito, e a través destas achegas, vanse humanizar as rúas de Hispanidad, Serafín Avendaño e Taboada Leal, no marco da liña que impulsou o goberno local nos últimos anos na cidade, así como mellorar beirarrúas en sete parroquias e o firme en 21 vías do rural.

A Xunta de Goberno aprobou hoxe os convenios para a humanización de Hispanidad, Serafín Avendaño e Taboada Leal. No caso da primeira das rúas, actuarase no tramo entre Pintor Colmeiro e a rúa Zamora, cun investimento de 810.500 € dos cales a Deputación achega 640.000 e o concello 170.500 euros. Neste caso, a actuación seguirá a liña xa iniciada nunha parte da rúa, renovando e ancheando as beirarrúas, pavimentando os vaos, calzada e beirarrúas, substituíndo os puntos de luz, renovando o mobiliario urbano e continuando coa rede de saneamento separativa.

A humanización da rúa Serafín Avendaño, entre Areal e Rosalía de Castro, vai contar cun investimento de 300.700 € dos cales a Deputación achega 216.000 e o concello 84.700 €. Neste caso vaise homoxeneizar o contorno, adaptando a rúa a zonas situadas preto que xa están humanizadas, para potenciar o uso e goce do espazo público polas persoas. Así, vanse incrementar as zonas verdes, reordenar o espazo e renovar os servizos urbanos para mellorar a calidade de vida da veciñanza. No que respecta á rúa Taboada Leal, entre Venezuela e Don Bosco, vanse destinar 594.000 € dos cales a Deputación achega 280.000 e o concello 314.000 €. Vaise executar unha renovación de firme, tanto na calzada como nas beirarrúas, e reformar a rúa para que sexa accesible. Tamén se vai incorporar nova sinalización vertical, renovar as instalacións de abastecemento, semáforos, pluviais e saneamento, e consolidar e plantar novo arborado para incrementar as zonas verdes.

Polo que atinxe ás beirrarúas, a Deputación e o concello de Vigo van investir 1.452.985,68 € (1.185.000 apórtaos a institución provincial e 267.985,68 o goberno local) para actuar en sete parroquias da cidade. En concreto, a través desta actuación vaise mellorar a seguridade viaria, a través da mellora da accesibilidade peonil e da implantación de sistemas de tránsito seguro como son as beirarrúas ou elementos de calmado de tráfico. A actuación desenvolverase na estrada da Venda de Beade, na estrada José Rivas de Coruxo, na subida a Relfas de Sárdoma, en Paradela de Teis, no camiño da Pomba de Valadares, na estrada da Balsa de Matamá e en Severino Cobas de Lavadores.

Ademais, tamén se van destinar 1.300.000 € á renovación do firme no viario que forma parte do rural de Vigo, para impulsar unha transformación sostible deste espazo da cidade. Concretamente, a Deputación de Pontevedra vai achegar 1.040.000 € e o concello de Vigo 260.000 € para impulsar novo firme nas parroquias de Lavadores (Sarabio e Noiana), Cabral (Penís de Abaixo), Sampaio (Aguadiña e Areeiro), San Xoán (Vista do Mar), Salgueira (Coutadas), Matamá (Abade Juan de Bastos), Sárdoma (Relfas e Fragosiño), Beade (Relfas), Bemvibre (Eifonso), Beade (Costa da Gándara e Pouleira), Valadares (Foxo, Quinta, Pinal e Simona), Alcabre (Viña Grande), Valadares (Pomba) e Zamáns (Cidáns).