Noticias

A Deputación da vía libre ao convenio co concello de Meaño para acometer o proxecto de mobilidade segura Cobas-Padrenda

A actuación na EP9306 suporá o acondicionamento de toda a estrada para a mellora da seguridade viaria e peonil e contará coa creación dunha senda e a humanización de toda a contorna


14 novembro 2020

Un proxecto sostible, pensado para as persoas e non só para o tráfico rodado, acorde coas sinais de identidade de mobilidade segura da Deputación e propio do século XXI. Con estas premisas, a Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo luns o convenio co concello de Meaño para poñer en marcha o proxecto de seguridade viaria na EP9306 Cobas-Padrenda.

A actuación, que se estenderá case á totalidade da lonxitude do viario de 893 metros, conta cun orzamento de 537.130 euros, dos que a Deputación financia o 70% (375.991) e o Concello de Meaño o 30% restante (161.139 euros). O proxecto suporá o acondicionamento de toda a estrada para mellorar a funcionalidade de vía e a súa seguridade, tanto para tráfico rodado como peonil.

Actualmente o viario presenta unha calzada con dous sentidos de circulación sen delimitación de carrís, nin beiravías, e non conta con beirarrúas, o que imposibilita o uso peonil se poida garantir en plenas condicións de seguridade. Agora, contémplase a habilitación de dous carrís de circulación de 2,75 metros de ancho cada un, unha beiravía na marxe dereita e a creación dunha senda peonil de ancho variable adaptada ao espazo existente. Na intersección coa EP 9305, por motivos de seguridade do tráfico, proxéctase unha glorieta, e na intersección coa EP 9302 se recuperará o espazo na zona do cruceiro, de xeito que se realizará unha pequena praza e se mellorará a confluencia.

Amais, está prevista a humanización mediante a execución dunha zona de convivencia do treito antigo do viario, así como a recollida de pluviais en toda a estrada. Tamén, instalaranse pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade.