Noticias

A Deputación dá vía libre á contratación do novo proxecto de humanización en Gondomar cun investimento de 271.000 euros

Carmela Silva destaca a "transformación brutal" que está a experimentar Gondomar desde hai cinco anos: "Agora é un pobo para a xente"


28 marzo 2021

O Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para a contratación de novas obras de humanización en Gondomar, que se desenvolverán en concreto na interconexión entre as rúas San Bieito e Emigrante coas estradas provinciais de Peitieiros e Chaín-Morgadáns. O orzamento desta actuación acada os 271.769 euros e financiarase a través dun convenio entre a institución provincial e o Concello, de xeito que a Deputación asumirá o 70 % do custo e o Concello o 30 % restante.

A presidenta, Carmela Silva, destacou que o proxecto ten por obxectivo "darlle prioridade e maior seguridade á veciñanza e viandantes das rúas San Bieito e Emigrante e aos tramos iniciais dos viarios provinciais EP-2302 en dirección a Peiteiros e EP-2301 cara a Chaín e Morgadáns, que unen o casco urbano de Gondomar con estas parroquias". Deste xeito, dáse continuidade tamén á gran transformación urbana que está a experimentar este concello. Máis polo miúdo, as actuacións inclúen a ampliación e construción de beirarrúas –que como mínimo van manter un ancho xeral de 2,5 metros– e a renovación de servizos como a iluminación pública, recollida de pluviais e residuais e a canalización das instalacións de enerxía, iluminación e comunicacións.

A presidenta provincial expresou a súa satisfacción porque "certamente a Gondomar non hai quen o coñeza –resaltou–. Levamos 5 anos gobernando nesta Deputación, o mesmo tempo que leva o alcalde, e este concello agora é un pobo para a xente. Antes era unha vía pola que se transitaba para ir dun lugar a outro cunha infraestrutura que o atravesaba e que facía que non houbera espazo público, e agora a transformación é brutal. Realmente Gondomar ten agora unha beleza extraordinaria en soamente cinco anos. Para isto serven as administracións públicas e non para estar todo o rato confrontando sen aportar nada".

As obras tamén incluirán a habilitación de novos pasos de cebra elevados e se prevé, ademais, a realización dun muro de contención entre o inicio da EP-2302 e a EP-2301 para habilitar unha beirarrúa de paso ata a parada de autobuses, a fin de "dar seguridade á xente que transita", así como a pavimentación das calzadas con solado de lastra, "unha estética que embelece estas grandes vilas da nosa provincia".