Noticias

A Deputación de Pontevedra dá un novo impulso ás instalacións deportivas da cidade de Pontevedra con 1,6 millóns de euros para o futuro campo de fútbol de Salcedo

Carmela Silva pon en valor os preto de 14 millóns de euros achegados desde o ano 2015: "Investir nesta cidade é investir na provincia, porque moitas persoas de tódolos concellos, e particularmente as da comarca, gozan e sérvense destas obras"


10 decembro 2020
A presidenta e o alcande cun apretón de mans

O campo de fútbol de Salcedo será unha realidade en breve gracias á colaboración da Deputación de Pontevedra. A presidenta, Carmela Silva, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asinaron hoxe o convenio polo que a institución provincial achegará os 1.621.644,44 euros en que está valorada unha actuación que transcende do eido deportivo e entraña tamén unha aposta decidida pola recuperación de espazos forestais degradados e a promoción do lecer e os usos sustentables do monte.

A presidenta, Carmela Silva, puxo en valor os protocolos asinados pola Deputación no ano 2015, "para cambiar a relación cos concellos de Pontevedra e Vigo, as dúas principais cidades da provincia, respectando a autonomía local". Desde entón, a Deputación ten achegado preto de 14 millóns de euros aos distintos convenios de colaboración con Pontevedra, que permitiron sacar adiante "actuacións moi relevantes".

Carmela Silva destacou que a Deputación xa fixo posible a construción dos campos de fútbol de Cerponzóns, Santa María de Xeve, Campañó e Ponte Sampaio antes de comprometerse co de Salcedo. A maiores financiou grandes eventos deportivos como o MultiSport Thriatlon 2019, o Mundial de Balonmán Junior 2019 ou o Campionato de Europa de Piragüismo Maratón 2016. Neste senso felicitou ao alcalde pola súa aposta por posicionar á cidade neste "mercado" e comentou que entre as "liñas tractoras" dos Fondos de Resiliencia e Recuperación Europeos inclúense os grandes eventos deportivos.

No eido das infraestruturas viarias e equipamentos, a presidenta aludiu ao financiamento provincial das obras da Ronda Leste, o novo acceso a Monte Porreiro (en execución), o novo Centro Social dos Campos (en execución), a mellora de estradas municipais, a instalación de iluminación ornamental nas pontes ou as reformas realizadas no local que acolle os servizos técnicos municipais na rúa Ferreiros ou as que actualmente están en execución na sede municipal de Michelena, 30. A presidenta debullou tamén as obras de saneamento en Mourente, Bora e o río dos Gafos (en execución actualmente) ou o financiamento de moitas actividades socioculturais.

"Aquel acordo entre o Goberno da Deputación e o do Concello tivo como resultado moitas melloras que axudaron a desenvolver a cidade e iso foi así porque a Deputación entende que investir nesta cidade é investir na provincia de Pontevedra, dado que moitas persoas de tódolos concellos, e particularmente as que residen na comarca, poden gozar e servirse destas obras".

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores enxalzou a "inestimable colaboración e a lealdade da Deputación, que nos permite sacar adiante obras que, por si mesmo, o Concello de Pontevedra tardaría máis en executar". Ademais, resaltou que algunhas das actuacións acometidas non só benefician ao municipio da capital provincial, "porque a Ronda Leste debería estar feita pola Xunta ao ser un acceso para máis de 300.000 habitantes a un hospital público".

Fernández Lores aplaudiu que con este convenio para a construción do campo de fútbol de Salcedo remata "un camiño longo", que comezou con outro convenio de cesión dos terreos por parte da comunidade de montes de Salcedo "que é unha das máis coherentes, activas e respectuosas para manter a biodiversidade e pensar no futuro do monte". Ademais recalcou que as novas instalacións "van máis alá dun campo de fútbol" e acollerán servizos de lecer vinculados ao goce dos montes de Salcedo, onde pode visitarse un castro e pasear entre plantacións con árbores autóctonas.

Finalmente, destacou que con esta obra péchase "un esforzo importante coa axuda da Deputación" para dotar ao rural de campos de fútbol e adiantou que, quizais, agora tan só sexa necesario ampliar os terreos de xogo de herba artificial existentes na Xunqueira, un espazo integramente dedicado ao fútbol base.

De campo de tiro militar a exemplo de instalación deportiva integrada na paisaxe

A cancha deportiva terá unhas dimensións de 100x58 metros e estará dotado de céspede artificial coas máis altas prestacións e estándares deportivos en canto a normas UNE e sistemas "Fifa recomended" e "Fifa Quality". A obra inclúe a construción de tres edificacións perfectamente adaptadas ao contorno. A primeira acollerá os vestiarios, enfermería e almacén cunha peza prismática pétrea encaixada no terreo. Terá unha rampla para dar acceso á bancada que se atopa na cuberta desta edificación. A segunda habilitará unha cantina e os aseos do público. Finalmente, o terceiro volume acolle un almacén para bicicletas e unha aula da Natureza.

O novo campo de fútbol de Salcedo sitúase na parcela de 14.800 metros cadrados pertencente aos terreos do antigo campo de tiro da BRILAT, cedidos pola Comunidade de Montes de Salcedo. As obras inclúen, ademais, a urbanización do contorno, ademais da construción de zonas cubertas que protexerán o acceso á bancada e a configuración de zonas de sombra e resgardo da choiva.

Fotos

Audios

  • Audio