Noticias

A Deputación da o paso previo para asinar convenios cos concellos beneficiarios dos proxectos de iluminación sostible e caldeiras de biomasa

Ata o momento 34 concellos van instalar iluminación exterior sostible, sete iluminar os seus Bens de Interese Cultural de xeito sustentable e cinco substituír as caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa


18 maio 2019
Deputación de Pontevedra

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar o paso previo para asinar proximamente os convenios cos concellos que se van beneficiar dos proxectos xa aprobados para iluminación sustentable en Bens de Interese Cultural (BIC´s), iluminación exterior sostible e substitución de caldeiras de combustible non renovable por caldeiras de biomasa. Trátase de actuacións cun investimento de preto de 3 millóns de euros que vai beneficiar a, ata o momento, 34 concellos para iluminación exterior sostible, sete que van iluminar de xeito eficiente os seus Bens de Interese Cultural e cinco que instalarán novas caldeiras de biomasa para substituír as existentes de combustible non renovable.

Para os 34 concellos que van mellorar a súa iluminación e aforrar na súa factura enerxética destínanse 2,43 millóns de euros. En concreto, con esta actuación vanse substituír máis de 6.100 puntos de luz que suporán un aforro enerxético medio dun 61% en Arbo, Baiona, Barro, Caldas, Cambados, Covelo, Crecente, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecesures, O Porriño, Portas, Rodeiro, O Rosal, Salvaterra, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vilanova de Arousa.

Xunto a esta actuación está tamén a iniciativa para instalar luminarias LED que favorezan o aforro enerxético en BIC´s dos concellos de Baiona, Caldas, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Este proxecto supón un investimento de preto de 130.000 euros.

No caso das substitución de caldeiras de combustible non renovable por outras de biomasa o investimento é de 416.213,97 euros dirixido aos concellos de Caldas, A Guarda, Mondariz, Portas e Salvaterra.

A Deputación de Pontevedra ten enviadas xa cartas informativas a todos os concellos relativas á concesión da axuda e ao proxecto a realizar. Deste xeito, nas vindeiras semanas a institución provincial vai comezar a asinar convenios cos concellos beneficiarios para poder iniciar as actuacións de eficiencia e mellora enerxética na provincia.