Noticias

A Deputación de Pontevedra dá o paso previo á presentación do recurso contencioso administrativo para que a Xunta de Galicia inicie as obras no pazo de Lourizán

Trátase do requirimento previo á interposición do recurso contencioso-administrativo que a institución provincial presentará se no prazo dun mes non hai resposta da consellería


14 maio 2019
Lourizán

A Deputación de Pontevedra remitiu á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia o requirimento para que "á maior brevidade cumpra coa súa obriga legal de efectuar ás obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre da leira de Lourizán". Trátase do último paso, previo á interposición do recurso contencioso-administrativo que a institución provincial presentará se no prazo dun mes o requirimento non é contestado pola consellería. "Se a Xunta non dese resposta, se entenderá como rexeitado polo que quedará expedita a vía contencioso-administrativa". Dáse así cumprimento ao acordo do pleno da Deputación, do pasado 4 de marzo, no que se acordou iniciar de xeito inmediato o estudo das medidas legais ante a inacción da Xunta de Galicia cos compromisos adquiridos no pazo.

A Deputación de Pontevedra cita no requirimento aquelas cláusulas dos convenios asinados coa Xunta nos anos 1991 e 2000, nas que se pon de manifesto a obriga do Goberno galego de levar a cabo os traballos de conservación no pazo. Así, a institución provincial lembra o convenio de 22 de xaneiro de 1991, no que expresamente cítase que entre as obrigas da consellería estaba a de "efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do conxunto, respectando o seu carácter artístico e monumental". Igualmente, a Deputación cita o convenio asinado coa Consellería de Medio Ambiente do 21 de xaneiro de 2000, no que novamente recollese a mesma obriga que no convenio do ano 1991.

Así, no requirimento, a Deputación de Pontevedra lembra que desde 1991 a Xunta de Galicia ostentou de forma ininterrompida a posesión, uso e goce da leira de Lourizán e que durante todos estes anos a consellería non efectuou as obras de conservación necesarias a cuxa execución está obrigada. Este incumprimento provocou que o pazo presente un grave deterioro e deficiente estado de conservación que esixe a súa reparación urxente en canto á seguridade estrutural que non está garantida en diversas zonas do edificio; ás humidades patentes en habitacións, escaleiras e pisos; afundimentos de partes da cuberta; riscos existentes en seguridade eléctrica; o mal estado das carpinterías exteriores e interiores; ou a inexistencia de vixilancia o que provoca inseguridade fronte ao vandalismo, ocupacións ou roubos.

No requirimento, a Deputación lembra que neste informe, que recolle o resumo das actuacións necesarias para a rehabilitación integral do pazo e que foi trasladado á Xunta de Galicia, fíxose tamén unha estimación aproximada do custo económico que ascendería a 14.255.000 euros, tendo por única resposta do vicepresidente da Xunta un proxecto alternativo que implicaba a terceiros alleos aos convenios subscritos, e que non asumía nin concretaba a forma en que se levarían a cabo as obras.

Igualmente, tendo en conta que o pazo é un inmoble de elevado valor histórico e patrimonial e integrado no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia, a Deputación remitiu outro escrito á Secretaría Xeral de Cultura poñendo no seu coñecemento o deber da Xunta da conservación do pazo de Lourizán, sen que ata agora tivese resposta algunha.