Noticias

A Deputación dá luz verde á financiación da humanización da rúa Arcebispo Lago en Vilagarcía de Arousa

Esta céntrica rúa deixará de contar con tráfico rodado continuo para acoller usos de escala peonil recuperando así o espazo público cun proxecto de 385.000 euros financiado polo Plan Concellos


20 setembro 2021
humanización da rúa Arcebispo Lago en Vilagarcía

Os fondos da Deputación de Pontevedra servirán de novo para proxectos de recuperación do espazo público nos concellos da provincia tras a aprobación, en Xunta de Goberno, dunha achega de 385.000 euros cos que Vilagarcía de Arousa levará a cabo a esperada humanización da rúa Arcebispo Lago.

A subvención, que se enmarca na liña 1 do Plan Concellos, está enfocada a eliminar o tráfico rodado continuo "nunha rúa moi destacada e importante" do concello arousán, como sinalou Carmela Silva. A presidenta provincial lembrou que o proxecto ten un orzamento de 636.400 euros que se completa cunha achega do proxecto Ágora (100.000 euros) que fai que a inversión da Deputación nesta humanización sexa de 485.000 euros. O importe restante financiarse a través do EDUSI, fondos europeos que xestiona o Goberno de España.

A humanización da rúa Arcebispo Lago pon de manifesto como "ese gran proxecto de recuperación do espazo público que estamos a desenvolver nos viarios provinciais tamén está a chegar aos viarios municipais", recalcou a presidenta. Con esta achega do Plan Concellos a rúa acondicionarase para acoller usos de escala peonil, combinando a circulación e o descanso para o que se adaptarán os pavimentos aos distintos usos combinando texturas e cores. Os vehículos poderán acceder de forma puntual e introduciranse zonas verdes, zonas con auga e unha nova iluminación.