Noticias

A Deputación creará unha senda peonil na estrada provincial que une o núcleo de Ponte Caldelas e Parada

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o investimento, que supera os 226.000 euros, financiarase grazas a un convenio de colaboración


05 xuño 2018
Uxío Benitez

A Deputación de Pontevedra, a través do seu Departamento de Mobilidade, vai crear unha nova senda peonil na estrada provincial EP-0206, entre o núcleo de Ponte Caldelas e o lugar de Parada, para garantir unha conexión en condicións de seguranza viaria para as persoas. Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o investimento superará os 226.000 euros e financiarase grazas a un convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Ponte Caldelas.

Benítez asegura que o proxecto de construción da senda pretende replanificar a estrada en materia de mobilidade e seguranza viaria, facendo especial fincapé na protección dos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida. A actuación fora solicitada polo alcalde ao deputado Benítez, quen asumiu a petición como necesaria e coherente coa nova política de Mobilidade da Deputación. O persoal técnico de Mobilidade comezou así a realizar os correspondentes labores de recompilación e toma de datos para coñecer os problemas de conservación, servizos existentes e as necesidades a satisfacer.

Cos datos na man, redactouse un proxecto no que se inclúen actuacións para construír a senda entre o punto quilométrico 0+000 da estrada provincial e o 1+100, así como para actuar con medidas de calmado de tráfico ata o punto quilométrico 2+000. Deste xeito, crearase un área reservada para os peóns na marxe dereita de 1,1 quilómetros de lonxitude, que unirá as beirarrúas existentes na estrada PO-532 co núcleo de Parada, creando un tránsito peonil seguro entre o núcleo da vila e as numerosas vivendas da zona.

O obxectivo desta actuación, insiste Benítez, é potenciar e dinamizar unha contorna que actualmente presenta unha carencia de mobilidade peonil segura, non cumprindo coas funcións básicas que debe reunir unha vía de conexión, tendo en conta que se trata dunha marxe moi transitada pola veciñanza que se achega a pé diariamente ata o centro de Ponte Caldelas.

2,5 metros de largo

Nas obras aproveitarase o sobreancho que ten a vía actualmente en cuneta vexetal, o que é un espazo moi útil para ampliar a sección da estrada, e crear a nova senda, que estará feita de formigón coloreado e terá un mínimo de 2,5 metros de largo. A separación entre a senda e a calzada para tráfico rodado realizarase un caz de formigón de 30 centímetros que servirá para a evacuación de augas pluviais. Ademais da senda, construirase un pequeno anaco de beirarrúa a distinto nivel da estrada no arranque da vía, para conectar coas beirarrúas que chegan do centro urbano.

Para mellorar a seguranza viaria e peonil instalaranse, explica Benítez, pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade que aseguren o cumprimento por parte dos vehículos da velocidade máxima permitida: 30 quilómetros por hora en todo o treito do núcleo de Parada, ao considerarse unha travesía moi transitada. A mellora da iluminación completará a actuación, coa instalación de puntos de luz tipo led aproximadamente cada 50 metros.