Noticias

A Deputación crea unha APP con información turística do territorio do río Miño transfronteirizo

Uxío Benítez apunta que a ferramenta potenciará a visibilización e a interpretación dos recursos naturais desta rexión


01 setembro 2018

A Deputación de Pontevedra está traballando na creación dunha aplicación móbil con información sobre rutas turísticas e puntos de interese do territorio do río Miño transfronteirizo, co obxectivo de potenciar o coñecemento da extensa e variada oferta turística da rexión. Esta iniciativa, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Rio Minho Uxío Benítez, supón unha importante posta en valor do patrimonio natural e cultural do territorio común entre Galiza e Portugal e forma parte das actividades incluídas dentro do proxecto de cooperación europea Visit Rio Minho.

A APP permitirá ás usuarias e usuarios pescudar, visualizar e organizar dende os seus dispositivos móbiles os enclaves de maior interese así como rutas, dispondo de diversos tipos de filtros de información. A empresa encargada do deseño é a portuguesa Bonus Itineris - Cooperativa de Qualificação Turistica e Territorial – CRL, quen resultou adxudicataria cunha proposta de 14.756,05 €, e que presenta unha importante traxectoria en proxectos similares. A iniciativa busca a adopción dunha estratexia coherente de promoción do territorio do río Miño transfronteirizo como destino turístico, apuntou Benítez.

O deputado de Cooperación Transfronteiriza indicou que con esta APP "quérese crear unha ferramenta tecnolóxica de información que potencie a visibilización e a interpretación dos recursos naturais do río Miño transronteirizo". Así mesmo, preténdese articular solucións de promoción da autonomía das e dos visitantes e da súa interacción co territorio, con propostas que conxuguen unha vivencia cultural, natural e identitaria dos destinos, valorizando o patrimonio común da zona.  

A aplicación estará dispoñible gratuitamente nos sistemas iOS e Android e nas tendas online APP Store (iOS) e Google Play (Android). Contará cunha listaxe de puntos de interese xeolocalizados, podendo filtrarse segundo a tipoloxía, coa posibilidade de acceder á ficha de cada un deles, onde haberá texto e imaxe. A aplicación desenvolverase en tres idiomas, galego portugués e español e contará cunha audioguía.

O traballo de creación da aplicación dividirase en diferentes fases. En primeiro lugar realizarase unha selección de rutas e puntos de interese, tras o que terá lugar a recollida de contidos así como reunións coas entidades turísticas galegas e portuguesas implicadas. Nunha segunda fase terá lugar o desenvolvemento tecnolóxico e por último haberá unha período de probas. Estímase que a aplicación estea a disposición das e dos usuarios a finais deste ano.

VISIT RIO MINHO obtivo un financiamento do 75 % de fondos FEDER no marco da convocatoria do POCTEP 2014-2020 Interreg V A, cun orzamento total aprobado de 2.000.000,00 €, o que supón unha achega de fondos europeos que ascende a 1.500.000,00 €.