Noticias

A Deputación crea a Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público para multiplicar o espazo destinado ás persoas nas vilas da provincia de cara a 2023

Animou os gobernos locais a aproveitar o momento e realizar actuacións para priorizar as persoas sobre os coches que xa están nos Plans de Mobilidade, "pero que hai 3 meses eran impensables"


14 maio 2020
Presentación de

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Mobilidade, presentoulles hoxe aos concellos da provincia a Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, explicou que se trata dunha rede de acción institucional entre a Deputación e os municipios da provincia para realizar políticas de recuperación do espazo público co obxectivo principal de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 "de forma concreta e plasmable en números".

Benítez salientou que no anterior mandato a Deputación realizou un cambio de modelo cun "xiro absoluto" nas estradas provinciais (co Plan MOVESE, a publicación da Guía básica de espazos públicos e mobilidade amable…) e destacou que agora a intención é implantar ese modelo nas actuacións propias dos concellos. Remarcou que a adhesión á rede será voluntaria e que desde a Deputación se traballará cos municipios que amosen verdadeiro interese, como acontece xa co Plan Revitaliza no seu ámbito.

A inclusión na Rede de Concellos Ágora supoñerá para os concellos a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado, a captación de recursos externos para financiar proxectos (nomeadamente fondos europeos), a representación nas redes Cidades que Camiñan e Cidades pola Bicicleta, a participación en cursos, conferencias e exposicións e o impulso de accións de sensibilización nos centros educativos.

Algunhas das iniciativas previstas son a creación dun consello asesor no que participen profesionais de recoñecido prestixio, a realización de liñas de subvencións para proxectos de recuperación do espazo público e a creación dunha mesa de traballo e dunha "facultade Ágora" para a formación de persoal técnico, así como a organización dun congreso internacional e dos Premios Ágora ás mellores intervencións no espazo público da provincia.

Os compromisos que se lles solicitan aos concellos para participar nesta rede, segundo explicou Benítez, pasan por aumentar os espazos públicos destinados ás persoas, cumprir os principios Ágora en todos os proxectos e obras que se poñan en marcha, elaborar un PMUS, efectuar as achegas que se determinen ás axudas da Deputación e designar dúas persoas representantes, unha política e outra técnica.

 

O decálogo de principios Ágora susténtase na serie de argumentos que a Deputación defende durante os últimos anos, sempre en liña cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible establecidos pola ONU e coa Axenda 2030: o espazo público é un dereito, as persoas primeiro, mobilidade inclusiva, autonomía infantil, mobilidades alternativas, espazos seguros, hábitat saudable, espazos amables e de calidade, actividade económica e de proximidade e mobilidade sustentable.

Actuacións urxentes pola COVID-19

Ademais da proposta de longo percorrido da Rede Ágora, a Deputación tamén se puxo hoxe á disposición dos concellos da provincia no asesoramento técnico con motivo da necesaria e urxente recuperación do espazo público para garantir o afastamento físico obrigado pola crise sanitaria. O nacionalista puxo de manifesto que é preciso diferenciar a distancia física de seguridade do concepto de distancia social. Segundo asegurou, é fundamental que as medidas que se tomen ao realizar obras no espazo público garantan manter as distancias físicas pero traten de minimizar o impacto nas relacións sociais, promovendo o comercio de proximidade e a interacción entre a cidadanía, sempre con marxes de seguridade.

Para falar deste aspecto, na reunión coas alcaldesas e alcaldes estivo presente o arquitecto de Estudio Rurban, Martín Barreiro, quen expuxo algúns exemplos de medidas de actuación inmediata que se realizaron noutras partes do mundo e fixo propostas útiles para os concellos. Barreiro advertiu de que as intervencións que se realicen nestes momentos non deben ser improvisadas por ser lixeiras. Destacou, de feito, que os concellos que dispoñen de plans de mobilidade sostible teñen a oportunidade de poñer en práctica intervencións de redución de espazo para os coches que hai tres meses serían impensables, xa que agora serán asumidas ben pola cidadanía.

Barreiro lembrou que o propio BOE fala da obrigatoriedade de fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta e que o incremento de espazos para as terrazas debe supoñer un incremento proporcional para as persoas. Por este motivo, avogou pola necesaria redistribución e afirmou que "do único que se pode rañar" é do espazo que ocupan os coches, ben circulando ou estacionados.

Por outra banda, salientou que non se debe substituír o tránsito de vehículos polo tránsito de persoas; senón que é importante garantir que no espazo se dan máis funcións: a do comercio (colas de persoas), os servizos, o lecer, a socialización, o deporte, os xogos na rúa, a autonomía ou a inclusión. "Temos que facer itinerarios agradables polo centro das vilas da provincia, fomentar que os paseos se poidan converter nunha parada nunha terraza ou nun comercio e que os recados se poidan converter tamén nun paseo. Hai que buscar estratexias para facer camiñables e seguras as vilas", destacou.

Referencia na forma de entender o territorio

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, destacou na presentación que esta iniciativa (a Rede Ágora) vai converter, unha vez máis, a provincia pontevedresa "nunha referencia nas formas de entender o territorio e na resposta ás novas decisións que haberá que tomar a nivel económico trala crise sanitaria, especialmente en sectores coma o turismo e o comercio". Deste xeito, a nova rede "cumpre moitos dos obxectivos que temos que ter enriba da mesa para configurar unha provincia territorialmente apetecible a todos os niveis". A presidenta engadiu que "no caso do turismo, o espazo público vai xogar un papel fundamental para ser un destino atractivo a fin de que as persoas veñan á nosa provincia. E tamén o comercio de proximidade, porque o espazo público o facilita con seguridade. O nome elixido non pode ser mellor, porque a idea é a ágora, pero tamén agora; cunha mirada de corto pero tamén de medio prazo".

Silva manifestou que a crise sanitaria puxo enriba da mesa "unha foto clarísima de como as nosas vilas non estaban adaptadas a situacións excepcionais coma as que xerou", polo que neste momento "necesitamos decisións que permitan vilas amables onde a xente poida facer o máis democrático que existe: apropiarse do que sempre foi noso, o espazo público; algo que xa sabiamos imprescindible, que moitos concellos poñen en marcha desde hai tempo e que a Deputación estableceu como liña prioritaria hai cinco anos". Con respecto ao anterior, insistiu en que "temos que aprender" sobre todas as iniciativas que converten estes espazos en lugares "máis amables" e que permitan "responder doutras formas ás necesidades".

Tamén tratou este tema o vicepresidente César Mosquera, quen remarcou que o contorno da maioría de cidades e vilas non é axeitada nin segura para as persoas, especialmente para as nenas e nenos, e que hai que actuar seguindo modelos claros. Insistiu en que propostas coma a Rede Ágora, xunto con outras iniciativas de seguranza viaria do Goberno da Deputación, están a conformar unha "marca" da provincia "de gran valor".

En canto ás propostas presentadas aos concellos para recuperar espazos con motivo da COVID-19, indicou que estas son dunha gran calidade técnica, polo que instou os concellos a aproveitar o asesoramento facilitado pola Deputación. "Fúxase de trapalladas. Hoxe hai moito saber facer. Aprovéitese!".

Por outra banda, manifestou a necesidade de que os gastos que os concellos realicen para facer obras de recuperación efémera do espazo público deben ser considerados como "gastos de emerxencia", ao mesmo nivel que a compra de máscaras ou xeles hidroalcólicos. "Se é obrigado manter 2 metros de seguridade nestes momentos, as obras para poder conseguilo tamén teñen que ir por procedementos administrativos urxentes". O deputado afirmou que se lle trasladará ao Goberno central a proposta de que os gastos deste tipo de obras sexan considerados gastos de emerxencia para os efectos orzamentarios.

No encontro participaron representantes dos concellos de Mondariz, Mondariz-Balneario, Tui, Bueu, Tomiño, Arbo, Covelo, O Grove, Moaña, As Neves, Salceda, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Valga, O Rosal, Poio, Campo Lameiro, Ponteareas, Meis, A Guarda, Portas, Baiona, Agolada, Moraña, Silleda, Ribadumia, Marín, Gondomar, Cangas, O Porriño, Redondela, A Cañiza, Soutomaior, Mos, Vila de Cruces, Cambados, Pontevedra, Sanxenxo, Salvaterra de Miño e Cerdedo-Cotobade, así como persoal técnico e interesado, co que chegaron a estar conectadas telematicamente máis de 80 persoas.

Audios

  • Audio