Noticias

A Deputación crea a 'Facultade Ágora' para consolidar á provincia como referencia internacional do espazo público

Trátase dunha iniciativa de formación dirixida a persoal político e técnico que contará no profesorado cos "Premios Nobel nesta área"


24 febreiro 2021
Presentación Facultade Ágora

Internacional, potentísima, espectacular, ambiciosa… Eses foron os cualificativos cos que hoxe se definiu a ‘Facultade Ágora', unha iniciativa creada polo Departamento de Mobilidade da Deputación para formar a representantes políticos e persoal técnico dos concellos da provincia sobre a recuperación do espazo público para as persoas.

A ‘Facultade Ágora' foi presentada a representantes dos concellos da provincia, consultoras e profesionais libres relacionados coa arquitectura e a enxeñería nunha reunión telemática na que participaron máis dun cento de persoas pola presidenta, Carmela Silva, o vicepresidente, César Mosquera, o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e os responsables de contidos do proxecto, Ana Montalbán e Fernando Nebot.

O deputado Uxío Benítez destacou que a ‘Facultade' pretende dotar de coñecemento e información ás persoas que toman decisións nos concellos para influír e animar a realizar actuacións nas rúas, prazas e lugares de vilas e cidades que poñan ás persoas no centro de todos os proxectos de reforma urbana. Destacou que se abordará o espazo público desde diferentes enfoques e disciplinas, habendo entre as relatoras e relatores xente da enxeñería, a arquitectura, a socioloxía, a pedagoxía, a medicina, a fotografía, o deporte, a xeografía, a bioloxía, paisaxe e medio ambiente, entre outros ámbitos.

"O profesorado ten nivel internacional e é de moita relevancia. Imos facer unha iniciativa que non a hai en ningunha parte do mundo. Creo que imos consolidar a Pontevedra e Pontevedra provincia como un referencia internacional do espazo público e da formación en espazo público, desde unha visión complexa por como é o noso territorio, disperso e rururbano", resaltou.

A secretaria técnica da Facultade, Ana Montalbán, destacou pola súa banda que "o coñecemento é a base da acción" e destacou que o obxectivo é que a ‘Facultade' teña unha gran capacidade transformadora na realidade da provincia. Indicou que o curso de 2021 comezará o 9 de abril e prolongarase ata o mes de novembro, repartido en 4 módulos e 12 seminarios; a matrícula comezará o 8 de marzo e pecharase o 8 de abril; estará dirixido fundamentalmente a persoas da política, o ámbito técnico, policía, pedagoxía, paisaxe ou medio ambiente, entre outros ámbitos, coa prioridade para o persoal dos Concellos Ágora, para o que será gratuíto.

A estrutura de cada sesión (bisemanal os venres) será dunha primeira parte de conferencias maxistrais, unha segunda de exemplos de boas prácticas para contrastar a teoría coa visión local, e unha terceira parte de debate entre profesorado e alumnado.

Algunhas das persoas xa confirmadas para o profesorado son Zaida Muxi, coñecida pola súa experiencia en cuestións de espazo e xénero; Francesco Tonucci, pedagogo fundador da Cidade dos Nenos; María Ángeles Durán, catedrática e investigadora do CSIC; o arquitecto José Fariña autor dun blog sobre pedagoxía, urbanismo e territorio; Rubén Lois, doutor en Xeografía da USC; Izaskun Chinchilla, autora de La ciudad de los cuidados; José María Ezquiaga, Premio Nacional de Arquitectura; Marta Román, experta en proxectos de mobilidade infantil e consultora en Gea21; Salvador Rueda, director da Axencia de Ecoloxía Urbana de Barcelona; e Alfonso Sanz, autor de Calmar el tráfico, entre outros, nun elenco que se pechará nas dúas próximas semanas.

O vicepresidente, Mosquera, quixo incidir na importancia das persoas relatoras que participarán na ‘Facultade', ás que definiu como persoas de traxectoria espectacular nas que o Goberno de Pontevedra se inspirou para levar adiante o seu modelo. "Non hai premios Nobel nesta área, pero como mínimo todas as persoas relatoras estarían nominadas", resaltou. Engadiu, así mesmo, que o fundamental da ‘Facultade' é que tanto políticos e políticas como persoal técnico teña claro o principio de que as persoas deben ser o centro das actuacións. "Hai que ter as ideas claras e logo xa encaixan as solucións técnicas", abondou.

Na súa intervención, Carmela Silva, quixo agradecer ás persoas coordinadoras da Facultade Ágora "o seu coñecemento, o seu compromiso e a súa capacidade para atraer cara un novo modelo de espazo público ás cidades e vilas". En palabras da presidenta provincial "temos que namorar a toda a provincia para conseguir este cambio, porque cando amas algo estás disposta ou disposto a transformalo". Silva amosou a súa felicidade porque este sexa un proxecto paritario posto que "as mulleres temos moito que aportar no espazo público e falando de mobilidade amable, sustentable e alternativa temos moito que dicir". Para a presidenta provincial "herdamos o modelo de expulsión do espazo público e nós, as mulleres, que somos as que coidamos ás nenas e nenos, persoas maiores e dependentes temos unha plena consciencia de que no espazo público no que vivimos todos os dereitos son dos vehículos, coa problemática que isto supón".

O profesor e asesor de contidos Fernando Nebot destacou que a Rede Ágora de concellos pola recuperación do espazo público parte dunha idea na que se insistirá na ‘Facultade': que a intervención nas cidades e vilas debe ser integral e que a finalización da obra non é o final da actuación. Asegurou que son fundamentais tanto a concepción do territorio, a vontade política de levar adiante modelos amigables do espazo público, o deseño dos proxectos e a súa realización, pero sempre co paso final do uso por parte da cidadanía: "cando a xente fai súa unha actuación, unha obra, e a interioriza na súa vida é cando se acada o obxectivo… Ese tamén é o obxectivo de Ágora, que o espazo público sexa para a cidadanía", remarcou.

Subvencións de 2,4 millóns de euros

Ademais da presentación oficial da ‘Facultade Ágora', na xornada de hoxe tamén se efectivizou outra das iniciativas do proxecto ‘Ágora' da Deputación: a publicación das bases de subvencións para os concellos da provincia que teñen unha contía de 2.435.o00 euros destinados a financiar proxectos e obras coas que gañar espazos peonís restándollos aos espazos que ocupan os coches.

As liñas de axudas estarán divididas en dous eixes: o primeiro estará destinado á redacción de proxectos, polo que os concellos poderán recibir ata o 90 % do custo cun máximo de 50.000 euros; e o segundo eixe, destinado a obras, con ata o 20 % do custo das actuacións e un máximo de 100.000 euros. "Hai expectativas de fondos europeos e é preciso que os concellos teñan proxectos que executar para mellorar as súas vilas, por iso priorizamos os proxectos", explicou Benítez.

As ‘Axudas Ágora' concederanse a actuacións completas, obrigando a un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente, debendo ter espazos gañados para as persoas unha superficie mínima de 300 metros cadrados.

Para valorar a contía das subvencións terase en conta a dispoñibilidade dun Plan de Mobilidade Sostible no concello, os metros cadrados de espazo peonil gañados, a porcentaxe de incremento do espazo peonil, a poboación, a xustificación do proxecto en base ós Principios Ágora, e a calidade técnica, entre outros. O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 12 de abril.

Fotos

Audios

  • Audio