Noticias

A Deputación cortará ao tráfico a estrada Ponte Verdugo-Cambeses-Barcia durante unha semana por obras

O corte de tráfico realizarase ao pasar o lugar do Pelete en dirección a Cambeses, e habilitaranse desvíos, que estarán convenientemente sinalizados


22 abril 2017
Estrada

A Deputación de Pontevedra cortará ao tráfico a estrada EP-0306, Ponte Verdugo-Cambeses-Barcia, no concello da Lama, desde o vindeiro luns, 24 de abril, ata o venres da mesma semana. O corte de tráfico realizarase no punto quilométrico 7,9, ao pasar o lugar do Pelete, en dirección a Cambeses, e os desvíos alternativos para os vehículos estarán debidamente sinalizados durante o tempo de duración das obras.

A causa dos cortes de tráfico son as obras de reparación da drenaxe do firme, que teñen o  obxecto de mellorar a seguridade viaria na zona. Estes traballos, que contan cun orzamento de adxudicación de 14.328,17 euros, implicarán a retirada do actual firme e gabias para introducir os correspondentes tubos de drenaxe. A actuación contempla o transporte de terra, o reforzo de noiros, a construción de novas gabias e outros traballos necesarios para completar a reparación, que rematará coa reposición do firme e das marcas viarias pertinentes.