Noticias

A Deputación convoca os III Premios Sofía Novoa Ortiz para potenciar os traballos fin de grao e fin de máster nos que se integre a perspectiva de xéneroA Deputación convoca os III Premios Sofía Novoa Ortiz para potenciar os traballos fin de grao e fin de máster nos que se integre a perspectiva de xénero

En total entregaranse seis premios por valor de 5.200 € para alumnas e alumnos dos campus da provincia da Universidade de Vigo


26 outubro 2018
III Premios Sofía Novoa Ortiz

A presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou esta mañá que o vindeiro martes abre a convocatoria para participar nos III Premios Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de fin de máster. Carmela Silva destacou que "o noso obxectivo e seguir apoiando iniciativas que se están a impulsar na universidade para estender a igualdade e a perspectiva de xénero en diferentes ámbitos da sociedade".

Deste xeito, os terceiros Premios Sofía Novoa Ortiz están dirixidos ao alumnado da Universidade de Vigo, pertencente aos campus de Pontevedra e Vigo, que teñan presentado, defendido e aprobado ben un traballo fin de grao ou ben un traballo fin de máster durante o curso 2017/2018. En total entregaranse dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, na modalidade de traballos fin de grao e outros dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, para traballos fin de máster.

"Para nós é fundamental que dende o coñecemento, a investigación e a análise se incorporen os principios da igualdade, que tanto repercuten en beneficio do progreso e do benestar social", resaltou a presidenta da Deputación. Ademais, Carmela Silva recordou que os premios teñen tamén como obxectivo "recordar, visibilizar e poñer en valor a figura de Sofía Novoa Ortiz, unha muller cunha enorme cultura, ligada ao mundo da música, moi comprometida, que tanto aportou á nosa sociedade e, sen embargo, foi silenciada pola historia".

Sofía Novoa Ortiz ingresou aos 17 anos na "Residencia de Señoritas" de Madrid, dependente dunha institución que se encargaba de fomentar a renovación pedagóxica e científica en España no primeiro terzo do século XX. Alí, Novoa Ortiz, que buscaba a excelencia en todo o que facía, foi unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres. Destacou pola súa labor pedagóxica, polo emprego da música como vehículo para o ensino da cultura e o idioma, así como por loitar para que as mulleres puidesen ocupar espazos públicos.

As persoas interesadas en optar aos III Premios Sofía Novoa Ortiz poderán presentar a súa solicitude desde o próximo martes, 30 de outubro ata o 9 de novembro e terán como data límite da entrega dos traballos o 16 de novembro de 2018. Na pasada edición dos premios foron galardoadas na modalidade de traballos fin de grao Lucía Troncoso e Eva Fontáns por "Modelos para fomentar a igualdade entre os sexos no traballo por recunchos na educación infantil. O traballo nos recunchos con enfoque de xénero" e "Enfoque de xénero na mellora da expresión oral da educación infantil nunha escola que escolariza alumnado de minorías étnicas e procedentes do estranxeiro", respectivamente. En canto ao traballo fin de máster foi Raquel Armán, con "A tradución como ferramenta para a visibilidade: tradución de Gaycation para voces superpostas", quen recibiu o galardón.

Audios

  • Audio