Noticias

A Deputación convoca os II Premios Sofía Novoa Ortiz para potenciar os traballos fin de grao e fin de máster nos que se integre a perspectiva de xénero

En total entregaranse seis premios por valor de 5.200 € para alumnas e alumnos pertencentes aos campus da provincia da Universidade de Vigo


06 outubro 2017
Sofía Novoa

A presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou que xa está aberta a convocatoria dos II Premios Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero nos traballos de fin de grao e de fin de máster. Carmela Silva destacou que "o ano pasado foron 22 as propostas presentadas á primeira edición dos premios e queremos seguir apoiando estes traballos e iniciativas que están a impulsar e a estender a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e a perspectiva de xénero en diferentes ámbitos da sociedade".

Silva recordou a figura de Sofía Novoa Ortiz, "unha muller cunha enorme cultura, ligada ao mundo da música, moi comprometida, que foi silenciada pola historia e que nós quixemos poñer en valor a través destes premios que, ademais de promover os traballos de investigación en igualdade, nos están a permitir visibilizar unha muller que tanto aportou á nosa sociedade".

Os Premios Sofía Novoa Ortiz están dirixidos ao alumnado da Universidade de Vigo, pertencente aos campus de Pontevedra e Vigo, que teñan presentado, defendido e aprobado un traballo fin de grao ou ben un traballo fin de máster durante o curso 2016/2017. En total entregaranse dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, na modalidade de traballos fin de grao e outros dous premios, dotados con 1.000 euros cada un, e un accésit, de 600 euros, para traballos fin de máster.

As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude ata o 27 de outubro de 2017 e terán como data límite da entrega dos traballos o 3 de novembro de 2017.

"Feminismo: fotografía da realidade e deseño de futuro"

A presidenta da Deputación de Pontevedra aproveitou tamén a ocasión para dar a coñecer un proxecto, titulado "Feminismo: fotografía da realidade e deseño de futuro", impulsado pola Rede Galega pola Inclusión (REGAI) e co que está a colaborar a institución provincial "co obxectivo de promover a igualdade efectiva entre mulleres e homes e loitar contra as violencias machistas".

En liñas xerais, trátase dun proxecto que consistirá na organización da xornada aberta "Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar", que terá lugar mañá na Casa Rosada de Poio; no curso "Claves para a comunicación oral desde a perspectiva de xénero. Mulleres empoderadas", que se estenderá entre o 13 e 15 de outubro na Casa da Cultura Roberto Blanco Torres de Cuntis e na actividade de coaching "Fortalecemento do movemento asociativo feminista", que terá lugar o 28 de outubro no Multiusos de Redondela.

Os principais obxectivos do proxecto, segundo informou a presidenta da REGAI, Carmen Cajide, son "empoderar as mulleres mediante a formación, a reflexión e o debate; achegar o feminismo á sociedade como ferramenta de loita contra as violencias machistas e estudar asuntos de importancia real para as mulleres, que forman parte da axenda actual e que teñen impacto sobre os nosos dereitos e liberdades".

A primeira das actuacións terá lugar mañá, sábado 7 de outubro, na Casa Rosada de Poio, e consistirá nunha xornada aberta titulada "Intervención contra as violencias machistas: enfoque multidisciplinar". Ao longo da xornada, abordaranse as violencias machistas desde o ámbito psicosociosanitario e tamén policial e xurídico. Para iso, participarán na actividade desde psicólogas e psicólogos como Fátima López e Rubén Villar, ata a coordinadora da Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, Rosa Fontaíña, a médica de familia, Rosana Izquierdo, a avogada do CIM do Grove, Ana Barreiro, o inspector de Policía Local de Pontevedra, José Ángel Ruibal, e a xuíza experta en violencia de xénero, Paz Filgueira.