Noticias

A Deputación converterá en plataforma única con prioridade peonil o paso da estrada EP-9302 polos núcleos de Broullón e Aldea de Abaixo, en Meaño

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde, Carlos Viéitez, visitan os dous ámbitos que se incorporan ao modelo de mobilidade amable e segura da Deputación


05 novembro 2021
Obras en Meaño

A estrada provincial EP-9302, que transcorre polo Concello de Meaño, incorporará dous espazos de prioridade peonil coa construción de plataformas únicas sobreelevadas ao paso polos núcleos rurais de Broullón (Xil) e Aldea de Abaixo (Covas). As obras, que contarán cun orzamento de 375.468 euros, financiaranse cun convenio no que a Deputación achegará o 70% e a institución municipal o 30% restante. O acordo foi ratificado hoxe pola Xunta de Goberno provincial.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou os dous ámbitos co alcalde meañés, Carlos Viéitez, e varias/os concelleiras/os. En Broullón a plataforma única abranguerá o treito situado entre os PQ 0+780 e o PQ 0+970, mentres que en Aldea de Abaixo situarase entre os PQ 2+400 e o PQ 2+550. Nestes dous núcleos rurais a calzada ten ancho irregular cun máximo de cinco metros, carece de beirarrúas ou beiravías, e transcorre confinada entre casas e muros de peche.

O responsable de Infraestruturas destacou a calidade das actuacións que se van emprender, tanto polo tratamento do espazo, poñendo en valor os núcleos, como polo avance en materia de seguridade para a veciñanza de Meaño nunha estrada que comunica Xil, Cobas e Barrantes ao longo de 6 Km e rexistra non só tráfico local, senón tamén de rango comarcal polo Salnés. "A Deputación aposta dende 2016 por un modelo de mobilidade segura, do século XXI, no que as estradas pasan a considerarse como un espazo público democratizado e no que as persoas teñen prioridade sobre os vehículos, que ata hai ben pouco facían un uso exclusivista", afirma Agís.

As novas zonas de convivencia de Broullón e Aldea de Abaixo serán construídas en formigón e consistirán nunha plataforma sobreelevada 10 centímetros. O novo pavimento intercalará cada 14 metros un bordo transversal de pedra natural gris de 30 centímetros  de ancho. Ademais, na contorna da capela das Angustias, en Broullón, empregarase un pavimento de lousa de granito gris para dar continuidade á contorna patrimonial do adro do recinto relixioso. As obras comezarán coa demolición do pavimento asfáltico existente e a preparación do terreo. A preferencia peonil nas dúas travesías polos núcleos rurais reforzarase coa sinalización horizontal e vertical necesarias para limitar a velocidade

Redes soterradas para os servizos

A Deputación eliminará tamén as caóticas redes aéreas de iluminación, telefonía e electricidade, con numerosos postes e soterrará tódalas conducións. A nova rede  de iluminación estará resolta con luminarias led de 70 watios sobre columnas e, na zona da igrexa, con farois en fachada. Tamén se contempla unha completa actuación para a drenaxe das  augas pluviais coa dotación dunha rede constituída por colectores de PVC de 400 milímetros de diámetro e sumidoiros en ambas marxes e pozo de rexistro central.

A Deputación leva investidos case 6 millóns de euros en Meaño dende o cambio no Goberno provincial, producido a mediados do ano 2015. Tan só co Plan Concellos, o municipio foi quen de executar 25 obras por importe superior aos 3 millóns de euros e de contratar a 100 persoas desempregadas para traballar en diferentes servizos municipais. Este mesmo ano, Meaño está a mellorar os camiños de Igrexa (Dena), de Coirón a Valdamor e o Camiño dos Pasales (Dena), entre outras actuacións con fondos regrados provinciais.

A área de Infraestruturas da Deputación mobilizou máis de 1,5 millóns de euros en actuacións executadas ou en marcha nas estradas provinciais de Meaño, que culminan coa sinatura deste convenio. Entre elas figura tamén a mellora da seguridade viaria entre Cobas e Padrenda (EP-9306), unha actuación valorada en 537.130 euros e que está nas últimas fases do procedemento de licitación. Con cargo ao Plan Móvese, a Deputación executou 6 pasos de peóns elevados e 13 elementos redutores de velocidade na rede provincial e, finalmente, adxudicou unha subvención de 9.000 euros para a redacción do Plan de Mobilidade Sustentable (PMUS) do concello.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).