Noticias

A Deputación continúa o proceso de contratación das obras nos campos de fútbol de herba sintética de Vila de Cruces e Salvaterra do Miño

Estas dúas actuacións supoñen un investimento por parte da institución provincial de preto de 540.000 euros


16 nov 2016

O Deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, presidiu hoxe a mesa de contratación na que a Deputación de Pontevedra continuou o proceso de contratación das obras relativas ao campo de fútbol de Fornelos-Oural, en Salvaterra do Miño, e de reposición do céspede artificial do campo de fútbol de Camballón, en Vila de Cruces, coa apertura das plicas dos sobres nos que se contiñan os criterios avaliables mediante fórmulas matemáticas despois de que a semana pasada se abrisen as correspondentes a criterios non avaliables por este procedemento. A estes concursos públicos presentáronse, respectivamente, 20 e 22 empresas.

Lembramos que no campo de fútbol de Fornelos-Oural formulouse a reforma do campo de fútbol de terra existente para instalar un pavimento de céspede artificial, instalar unha rede de rego, unha nova instalación de iluminación e mellorar todas as necesarias para a súa correcta utilización. Este proxecto ten un orzamento de 442.389,62 € dos que a institución provincial achega o 75% (331.792,21 €) e o concello de Salvaterra do Miño o 25% restante. Pola súa banda, no campo de Camballón reporase a manta de céspede artificial ao presentar un elevado deterioro, mesmo tendo desaparecido ou cunha lonxitude mínima en distintas zonas. Estas circunstancias provocan tanto efectos nocivos para a práctica deste deporte como lesións nos xogadores e xogadoras. O orzamento para esta actuación é de 208.165,71 € e, nesta ocasión, será a Deputación de Pontevedra quen achegue o total do investimento. Ambas as dúas cantidades teñen o IVE engadido e supoñen un investimento por parte da institución provincial situado en 539.957,92 €.

A Deputación de Pontevedra, deste xeito, continúa o seu compromiso con estas dúas actuacións que foron asinadas a través de cadanseu convenio de colaboración con estes dous concellos, seguindo os procedementos administrativos pertinentes e os parámetros legais que permitirán, nas datas próximas, adxudicar ambas as dúas obras ás empresas gañadoras dos concursos públicos e que así os proxectos se poidan levar a cabo.


Novas relacionadas

VT-1500-3

30 marzo 2017, programa, provinciais, provinciales, mantemento, mantenimiento, campos de fútbol